Chega o abril da poesía revoloteando entre as flores.
Versos que xogan ledos ante a chegada da primaveira e os alumiños dunhas
temperaturas que nos enchen a todos de ledicia e benestar. Pero a poesía tamén
serve para rastrexar esa outra face da vida. A que aínda non é mariposa senón
eiruga, a que baixa aos infernos da persoa na procura dun bálsamo para a alma
pero sobre todo para tentar comprender como a nosa mente se desenvolve ante
determinadas situacións.
Marta Dacosta propón nesta travesía polo seu derradeiro
poemario, «Dun lago escuro», percorrer ese itinerario carontino para situarnos
ante nós mesmos á procura dunha resposta fronte á podremia que, esta sociedade
na que nos tocou vivir, nos asulaga ata a asfixia. Con cada vez menos aire a
poeta mergúllanos no fondo dunhas augas que pretenden «escorrentar a
escuridade». Porén o que acontece nesa travesía alónxanse bastante de poder
atopar un fío de esperanza que nos eleve por riba dos valos, das mentiras, dos
medos, das traizóns, dos cansazos ou do balbordo da desesperación. Unha
tormenta que non nos deixa vivir na calma, cando todo sería moito máis sinxelo,
ademais de telo ben merecido, pero abofé que somos malos animais... seres que
tenden sempre á destrución propia e do seu semellante como parte dun proceso
case de exterminio ou polo menos de búsqueda do sufrimento no igual, como se
iso nos fose a conceder algún privilexio por riba da mesquiña sensación de
sentirse superior a alguén. O dito, todo podería ser moito máis fermoso...
Nesas augas, límpidas na súa faciana, á pouco que deixemos
atrás esa superficie atoparemos como todo é escuro, como o espello vólvese
costra a medida co dano da profundidade medra chea de engano e mentira. É a
travesía a nado dun lago como metáfora da viaxe da vida na que adoitamos mirar
cara o ceo mentres baixo nós amontóanse os cadáveres. Cómo nos gusta meter
baixo a alfombra todo o que é suxo? Aquilo que nos fai darnos conta do que en
realidade somos. A alfombra aquí é auga, augas túrbidas, «mentres medra o
pánico contra o fondo», ao tempo que entramos nun estado de onirismo.
Alucinacións, efectos surreais, xeroglíficos... estrañas percepcións para
rachar o equilibrio, converténdose ao fin na incómoda peaxe da nosa travesía.
Marta Dacosta segue a medrar como poeta, sendo este poemario
un valente percorrido dende a palabra e a poesía por ese lado do que a poesía
se serve para oscurecela súa propia luz. Pero ela é así, segura de si mesma,
afoutada nas súas pretensións e sabedora do que é quen de suxerir. Así é como a
autora sérvese desa forza telúrica para artellar un poemario imprescindible
hoxe para entender moito do que nos mergulla na desesperación. Palabras para
rastrexar a incerteza. Palabras para respirar.
Publicado no Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo 12/04/2015
Ningún comentario:
Publicar un comentario