mércores, 29 de abril de 2015

A turxescencia da pel



Un poemario feito a flor de pel. Capaz de erizar a epiderme palabra tras palabra. Unha conversa afoutada dende o eu cara o exterior e sen deixar de mirar cara un mesmo. Gonzalo Hermo ven de acadar o Premio da Crítica en galego, aí é nada. Toda unha achega á nosa escrita, un pulo á poesía, a boa poesía que se fai en Galicia e que non deixa de mergullarnos nas obras de moitos nomes, moitos deles mozos e mozas, que elevan esa arte ao cumio que merece e que nos converte en senlleira patria de poetas.
Publicado pola recén chegada editorial Apiario, outra ledicia máis a sumar a todo isto. ‘Celebración’, nome do poemario, ben cedo te alumea para deixarte cautivado pola firmeza do que aquí se nos conta. Por ese magma torrencial e liberador que ladeira abaixo vaite abrasando para compoñer unha figura xa eterna. Unha escultura mergullada nese caudal da poesía metaforizada polo propio autor como un río que ten a palabra e a ese debuxo que deixa o tempo como dous elementos de seu. Dúas facianas dunha realidade feita tamén de compromiso para tentar plantexar o que hai detrás do inevitable proceso de cambio do ser humano, espazo no que a memoria se converte en indispensable alicerce para a comprensión deste hábitat que nos rodea. E nesta ‘Celebración’ tamén hai moito diso, de percorrer esta paisaxe de terras, pedras, invernadas, veráns, bosques, musgos, cinzas ou nordés polos que transitamos no noso devir, neste camiñar polo desacougo dunha existencia necesitada de respostas para entendelas preguntas. E que non falten as preguntas!
É fronte ao magma, un elemento que está moi presente ao longo do poemario, o frío. Esa sensación que se converte en cicatriz. A derradeira palabra do poemario, e seguro que non de xeito casual, a marca que levamos cada un de nós como unha pegada que nunca esquecer, o recordo da ferida, a dor impresa na pel que só pode atopala súa terapia dende a palabra. Gonzalo Hermo emprega a palabra como unha terapia, un bálsamo para esas cicatrices, pero tamén para unha alma chea de frío: «Lembra: o pouso do frío termará de nós/como a liña derradeira que nos separa do nada». A palabra e sempre a palabra, un acubillo fiel dende o que tentar explicalo noso mundo. O que está claro é que se ten explicación é dende a palabra, só coa palabra e a partir da palabra.
 Nado en Taragoña, Rianxo, en 1987 (non, non é unha errata, vinte e oito anos e escribindo así!) Gonzalo Hermo deixa un poemario chantado nesta terra. Un marco no lindeiro da creación, na parcela dunha poesía que non deixa de agromar boas novas, unha escuma seminal que nos vivifica a todos e fai da literatura unha ensinanza do que acontece na nosa contorna: «Que houbo que esquecer para aprender a ollar este ceo aberto/este transitar dos corpos e dos días».




Publicado en Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo 26/04/2015

Ningún comentario:

Publicar un comentario