Un poemario feito a flor de pel. Capaz
de erizar a epiderme palabra tras palabra. Unha conversa afoutada dende o eu
cara o exterior e sen deixar de mirar cara un mesmo. Gonzalo Hermo ven de
acadar o Premio da Crítica en galego, aí é nada. Toda unha achega á nosa escrita,
un pulo á poesía, a boa poesía que se fai en Galicia e que non deixa de
mergullarnos nas obras de moitos nomes, moitos deles mozos e mozas, que elevan
esa arte ao cumio que merece e que nos converte en senlleira patria de poetas.
Publicado pola recén chegada editorial
Apiario, outra ledicia máis a sumar a todo isto. ‘Celebración’, nome do
poemario, ben cedo te alumea para deixarte cautivado pola firmeza do que aquí
se nos conta. Por ese magma torrencial e liberador que ladeira abaixo vaite
abrasando para compoñer unha figura xa eterna. Unha escultura mergullada nese
caudal da poesía metaforizada polo propio autor como un río que ten a palabra e
a ese debuxo que deixa o tempo como dous elementos de seu. Dúas facianas dunha
realidade feita tamén de compromiso para tentar plantexar o que hai detrás do
inevitable proceso de cambio do ser humano, espazo no que a memoria se converte
en indispensable alicerce para a comprensión deste hábitat que nos rodea. E
nesta ‘Celebración’ tamén hai moito diso, de percorrer esta paisaxe de terras,
pedras, invernadas, veráns, bosques, musgos, cinzas ou nordés polos que
transitamos no noso devir, neste camiñar polo desacougo dunha existencia
necesitada de respostas para entendelas preguntas. E que non falten as
preguntas!
É fronte ao magma, un elemento que está
moi presente ao longo do poemario, o frío. Esa sensación que se converte en
cicatriz. A derradeira palabra do poemario, e seguro que non de xeito casual, a
marca que levamos cada un de nós como unha pegada que nunca esquecer, o recordo
da ferida, a dor impresa na pel que só pode atopala súa terapia dende a
palabra. Gonzalo Hermo emprega a palabra como unha terapia, un bálsamo para
esas cicatrices, pero tamén para unha alma chea de frío: «Lembra: o pouso do
frío termará de nós/como a liña derradeira que nos separa do nada». A palabra e
sempre a palabra, un acubillo fiel dende o que tentar explicalo noso mundo. O
que está claro é que se ten explicación é dende a palabra, só coa palabra e a
partir da palabra.
Nado en Taragoña, Rianxo, en 1987 (non, non é
unha errata, vinte e oito anos e escribindo así!) Gonzalo Hermo deixa un
poemario chantado nesta terra. Un marco no lindeiro da creación, na parcela
dunha poesía que non deixa de agromar boas novas, unha escuma seminal que nos
vivifica a todos e fai da literatura unha ensinanza do que acontece na nosa
contorna: «Que houbo que esquecer para aprender a ollar este ceo aberto/este
transitar dos corpos e dos días».
Publicado en Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo 26/04/2015
Ningún comentario:
Publicar un comentario