luns, 6 de abril de 2015

Luzadas na noite



Hai libros que se quedan pegados a un. Textos estremecedores dos que non te podes esquecer despois da súa lectura. ‘Os privilexios dos somnámbulos’ é un deses textos, un poemario que te conduce por unha vida que agroma cando a escuridade se fai forte. Cando o imperio das sombras constrúe ao teu arredor a incerteza e o medo, ao tempo cas luces dun mesmo loitan por esnaquizar toda esa paisaxe. Publicado fai uns meses o seu magnetismo case telúrico consegue levarte a el unha e outra vez, a percorrer esas poesías que Pablo Bouza, o seu autor, foi quen de artellar, como luzadas na noite, para levar a cabo esa loita acaecida no ring do insomnio. Cando o tempo devala sobre si mesmo e o silencio vólvese unha espesa capa na que a mente é quen de xerar monstruos, pero tamén de pelexar contra eles.
E de tódalas armas a palabra é a máis afoutada delas, a que pode semellar máis feble, pero a que finalmente asegura a victoria, o triunfo fronte as sombras, a fuxida do ser humano acosado. E aí é onde Pablo Bouza acada a súa victoria persoal, que se volve colectiva dende o momento en que escribe, converténdose nun acougo dende a palabra e esa poesía que emerxe como compás dunha vida, a metáfora dese combate que tantas veces nos vemos obrigados a enfrontar.
Un mar gobernado polo Leviatán, por aquelo que nos ameaza e que nos adentra nunha lea da que só nós mesmos podemos fuxir. «Aquel mar tiña a cor/insomne da noite,/o adobío dos seixos e os argazos/a ponzoña das crebas dos navíos...», e así é como vai a navegación na noite, co candil na proa, sucando os versos que reflicten a travesía da vida que ao fin e ao cabo é no que se converte este poemario, Pablo Bouza o resume dende as pegadas do vivido ata o momento, daquelo sentido cunha forza que só o poeta é quen de trasladar ao lector para que tamén se sinta parte da travesía.

Poema tras poema ese itinerario vital vaise abrindo a nós, alicerzado en diferentes referentes poéticos que deixan as pistas precisas para que o noso protagonista tome o impulso preciso para que a súa poesía conteña todo ese relicario que nos serve para darlle forma ao baleiro. Qué fermosos ventos nos chegan das súas palabras! uns máis calmos outros máis feroces, con todos eles a nosa embarcación móvese entre os soños, entre o que é real e o irreal, entre as encalmadas da noite ou as tormentas ameadazoras. O porto convértese nun refuxio ao que chegar, aquel lugar dende o que albiscalo futuro, a construción do que virá, porque a navegación segue, os mares son moitos, pero unha achega como a acadada neste libro leva a facernos máis fortes, a tentar entendela noite ata facela nosa dende «a inmensa dimensión das palabras», un misterio que só os poetas saben alquimizar para que chegue ata nós como un deses ventos que sopran baixo o misterio da escrita. O misterio da noite. 


Publicado no Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo 29/03/2015

Ningún comentario:

Publicar un comentario