Hai
libros que se quedan pegados a un. Textos estremecedores dos que non te podes
esquecer despois da súa lectura. ‘Os privilexios dos somnámbulos’ é un deses
textos, un poemario que te conduce por unha vida que agroma cando a escuridade
se fai forte. Cando o imperio das sombras constrúe ao teu arredor a incerteza e
o medo, ao tempo cas luces dun mesmo loitan por esnaquizar toda esa paisaxe.
Publicado fai uns meses o seu magnetismo case telúrico consegue levarte a el
unha e outra vez, a percorrer esas poesías que Pablo Bouza, o seu autor, foi
quen de artellar, como luzadas na noite, para levar a cabo esa loita acaecida
no ring do insomnio. Cando o tempo devala sobre si mesmo e o silencio vólvese
unha espesa capa na que a mente é quen de xerar monstruos, pero tamén de
pelexar contra eles.
E
de tódalas armas a palabra é a máis afoutada delas, a que pode semellar máis
feble, pero a que finalmente asegura a victoria, o triunfo fronte as sombras, a
fuxida do ser humano acosado. E aí é onde Pablo Bouza acada a súa victoria
persoal, que se volve colectiva dende o momento en que escribe, converténdose
nun acougo dende a palabra e esa poesía que emerxe como compás dunha vida, a
metáfora dese combate que tantas veces nos vemos obrigados a enfrontar.
Un
mar gobernado polo Leviatán, por aquelo que nos ameaza e que nos adentra nunha
lea da que só nós mesmos podemos fuxir. «Aquel mar tiña a cor/insomne da
noite,/o adobío dos seixos e os argazos/a ponzoña das crebas dos navíos...», e
así é como vai a navegación na noite, co candil na proa, sucando os versos que
reflicten a travesía da vida que ao fin e ao cabo é no que se converte este
poemario, Pablo Bouza o resume dende as pegadas do vivido ata o momento,
daquelo sentido cunha forza que só o poeta é quen de trasladar ao lector para
que tamén se sinta parte da travesía.
Poema
tras poema ese itinerario vital vaise abrindo a nós, alicerzado en diferentes
referentes poéticos que deixan as pistas precisas para que o noso protagonista
tome o impulso preciso para que a súa poesía conteña todo ese relicario que nos
serve para darlle forma ao baleiro. Qué fermosos ventos nos chegan das súas
palabras! uns máis calmos outros máis feroces, con todos eles a nosa
embarcación móvese entre os soños, entre o que é real e o irreal, entre as
encalmadas da noite ou as tormentas ameadazoras. O porto convértese nun refuxio
ao que chegar, aquel lugar dende o que albiscalo futuro, a construción do que
virá, porque a navegación segue, os mares son moitos, pero unha achega como a
acadada neste libro leva a facernos máis fortes, a tentar entendela noite ata
facela nosa dende «a inmensa dimensión das palabras», un misterio que só os
poetas saben alquimizar para que chegue ata nós como un deses ventos que sopran
baixo o misterio da escrita. O misterio da noite.
Publicado no Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo 29/03/2015
Ningún comentario:
Publicar un comentario