luns, 27 de xullo de 2015

O futuro que se debuxa no presente




Miramos cara o futuro cos ollos postos no presente. Xente dos eidos da creación que plantexan o que virá a partir do que todos eles están facendo hoxe en día, alicerzando unha traxectoria que non deixa de abraiar por algo que se botaba moi en falla na nosa cultura. A falta de complexos, a liberdade absoluta a partir do eu e a súa relación coa contorna, a total ausencia de fíos con tempos, xeracións e nomes pasados que, malia que sempre deben estar presentes, non implican unha pleitesía ou sometemento que condicione o seu quefacer, respectando a súa individualidade.
Escritores, artistas visuais, ilustradores, debuxantes de banda deseñada, deseñadores de moda, directores de cine… ámbitos de traballo que ven como agroman neles toda unha xeración de nomes que dende ben cedo nas súas vidas veñen dando mostras significativas do ben co fan, e do que poden chegar a ser. Todos eles son parte deste tempo tan fragmentario, singular, azaroso e tantas veces inhóspito co ser humano no que nos toca vivir, todos eles chantan os seus pés nesta terra tan necesitada de voces, nomes e xestos que poñan ombreiro con ombreiro con outros territorios. Calquera deles non teme a iso, saben da súa formación, das súas lecturas, do seu interese por coñecer aquilo que acontece noutras latitudes, por ler, viaxar, ter amizades, estudar en xeografías alleas ás súas para beber delas e, con todo iso, artellar unha particular visión do seu universo.
Toda esta materia prima ten que ser convintemente transformada para que chegue ao público, para que o proceso creativo desemboque naquilo que lle da senso. Os lectores, as editoriais, os visitantes ás exposicións, os comisarios, os mestres, as convocatorias de premios ou as diferentes institucións forman parte desa complicidade e estanse aproveitando deste bo momento traballando nese proceso simbiótico que permite ao creador espallarse cara o exterior e a todas elas facer uso dos seus recursos en función dos seus diferentes fins. Desta relación a gran beneficiaria é a sociedade, nela debe revertir todo este proceso, para gozar co maxín de todos os nosos creadores, capaces de xerar sinerxias dende o eido da cultura que chega a espallarse (sempre que se faga un emprego intelixente e razoado) por ámbitos como o do turismo, o da economía e a significación do que poderíamos chamar unha marca Galicia ou, por fuxir do sobado adagio español, un novo feito galego.
Podémolo visibilizar de xeito ben recente coa entrega dos Premios Xerais de Literatura que nos seus tres galardóns concederon tres premios a tres nomes prácticamente descoñecidos, xente que no caso do gañador do Premio Xerais de Novela presentaba a súa primeira novela, Héctor Carajaville, e que nos casos dos Premios Jules Verne e Merlín, recaeron en dúas mulleres que naceron nos anos oitenta, Andrea Maceiras e Érica Esmorís. Nomes a sumar aos doutros homes e mulleres que veñen escribindo en liñas cheas de virtudes e que amosan as súas capacidades obra tras obra. Aí van uns cantos: Ledicia Costas, que ven de publicar ‘Un animal chamado néboa’ ou Berta Dávila; nunha narrativa que se completa con dous nomes que recén publicaron dous libros que non deixan de abraiarnos e de achegar lectores ao noso sistema literario: Fran P. Lorenzo e Alberto Ramos que, con ‘Cabalos e lobos’ e ‘As máscaras rotas para Sebastian Nell’, premiadas co Blanco Amor e Manuel García Barros, respectivamente, amosan a capacidade de escritores novos para achegarse ao público e obrar ese milagre materializado na venda de libros que tan ben coñecen outros nomes nados a medidados dos setenta como Pedro Feijoo ou Diego Ameixeiras. Tamén poetas coma Eli Ríos, Lucía Novas, María do Cebreiro, Isaac Xubín ou Gonzalo Hermo, este último ven de gañar o Premio da Crítica pola súa obra, ‘Celebración’, e se imos a ver a súa data de nacemento aterramos no ano 1987 (abraiante!), deixan constancia da súa progresión dende o verso.
No terreo da plástica é abondosa a listaxe deses artistas que debuxan no aire o que a súa mente lles obriga a materializar nunha pintura, nun debuxo, nunha instalación, nunha escultura ou nunha fotografía. Deixarémolo en catro nomes, xente que aos trinta e poucos anos xa teñen currículums cheos de mencións, estancias, becas e exposicións aquí e máis alá do Padornelo. Catro lados dun territorio que non deixa de medrar grazas, en boa medida, ao traballo feito dende a Facultade de Belas Artes de Pontevedra, que ven de cumprir 25 anos de vida, e a certámenes como o imprescindible Novos Valores do Museo de Pontevedra ou o recente pero exitoso Encontro de Artistas Novos na Cidade de Cultura. Ah! os seus nomes… Carla Andrade, Loreto Martínez, Christian García Bello e Marcos Covelo.
Pero a carón destas accións da arte emerxen outras que nos falan dunha potencialidade que non deixa de medrar, e de facelo de xeito exponencial nos últimos tempos. Facianas da nosa creatividade que non estaban afeitas á vertixe da popularidade ou do ben feito máis aló dun nome concreto, e así atopámonos en ámbitos como os da ilustración ou da banda deseñada con nomes como Alfonso Barreiro, Cristian F. Caruncho, Inés Vázquez Ramallal e Cynthia Knickerbocker que, de xeito moi diferente entre eles, son quen de compoñer relatos cheos de valores. Un pulo que ten o reflexo na máis que meritoria creación dunha escola adicada á banda deseñada ubicada en Pontevedra, ‘Garaxe Hermético’ da man de Kiko da Silva. E de Pontevedra xorde outro deses milagres que están a mudar a faciana da creación en Galicia, a Esdemga, a Escola de Deseño e Moda de Galicia que tras varias fornadas de deseñadores hoxe en día nos leva a citar nomes como os de Eva Soto, Isabel Mastache, Amai Rodríguez, Elena Rial, Rafael Cameselle ou David del Río, que aúnan neste tempo recoñecementos e desfiles en sobranceiras pasarelas nas que fan resoar o nome de Galicia a cada paso das modelos. E ata o cine, tantas veces abandoado a súa sorte nunha Galicia empregada históricamente soamente como plató de rodaxe, ve como varios mozos levan as súas imaxes as pantallas de todo o mundo e son premiados en Festivais, recollidos en publicacións e ata fixeron acuñar outra etiqueta no mundo das etiquetas a do Novo Cinema Galego, un terremoto no noso Audiovisual que abofé dende os anos oitenta non viu tal cousa. Oliver Laxe, Eloy Enciso, Lois Patiño ou Ángel Santos teñen boa parte de culpa.
Todo este cóctel, mezclado non axitado, é o que ven a definir parte das novas conquistas dos nosos novos creadores, tamén un xeito de orgullo de todo un país que chega a tal punto que ata convoca unha Feira das Industrias Culturais, o Culturgal, e que se enche de visitantes, para poñer no escaparate todo, ou polo menos parte do aquí exposto, o que compón outra paisaxe da nosa terra, cada vez máis afastada do folclorismo e inmersa nun xeito cheo de dignidade de facer as cousas e de facelas ben. Nestas liñas non están todos os que son, pero os que están son unha parte dun todo cada vez máis amplo, cada vez máis firme, cada vez mellor debuxado.

Publicado no Especial do Día de Galicia en Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo 25/07/2015

Ningún comentario:

Publicar un comentario