McLuhan
"Somos o que vemos"
é unha das famosas sentenzas sobre o medio televisivo feitas polo pope da sociedade
da información. Dúas situacións novedosas distinguen este primeiro proceso
electoral trala chegada á terra de Pablo Iglesias das anteriores citas
coas urnas. Por unha banda a dispersión do voto coa entrada de novos partidos
con posibilidades reais de formar parte dun goberno, e por outro, o emprego que
do medio televisivo están a facer os diferentes candidatos. Se para o primeiro
xa están as enquisas, os sondeos e os augures políticos, que nestas quendas
abondan como cogomelos, para o outro estamos as audiencias, é dicir, a xente
que domina o mundo cun mando a distancia nas mans. Para a historia quedaron xa
os debates 'face to face' coa férrea disciplina de tempos ou a publicidade
electoral pedindo o voto; agora é o tempo da humanización do político, de
poñelo fronte ao votante, a só uns poucos metros de distancia para comprender
que son xente de a pé, que non teñen capacidades para a levitación, pero tamén
para sentalo nun sofá ou a tentar acender unha placa de indución a contar
aquilo que non debía exceder dunha revista do corazón ou un conto entre colegas
na barra dun bar. O problema ven cando os datos de audiencia desas exhibicións
políticas reflicten unhas cifras brutais que nos levan a pensar dúas cousas,
unha boa e outra mala, coma nun chiste de Arévalo. A boa, o moito que
nos interesa a política; a mala, darlle a razón a McLuhan.
Publicado no Diario de Pontevedra 6/12/2015
Ningún comentario:
Publicar un comentario