luns, 7 de decembro de 2015

Caderno de campaña. Entre Pontes. Acto I

McLuhan

"Somos o que vemos" é unha das famosas sentenzas sobre o medio televisivo feitas polo pope da sociedade da información. Dúas situacións novedosas distinguen este primeiro proceso electoral trala chegada á terra de Pablo Iglesias das anteriores citas coas urnas. Por unha banda a dispersión do voto coa entrada de novos partidos con posibilidades reais de formar parte dun goberno, e por outro, o emprego que do medio televisivo están a facer os diferentes candidatos. Se para o primeiro xa están as enquisas, os sondeos e os augures políticos, que nestas quendas abondan como cogomelos, para o outro estamos as audiencias, é dicir, a xente que domina o mundo cun mando a distancia nas mans. Para a historia quedaron xa os debates 'face to face' coa férrea disciplina de tempos ou a publicidade electoral pedindo o voto; agora é o tempo da humanización do político, de poñelo fronte ao votante, a só uns poucos metros de distancia para comprender que son xente de a pé, que non teñen capacidades para a levitación, pero tamén para sentalo nun sofá ou a tentar acender unha placa de indución a contar aquilo que non debía exceder dunha revista do corazón ou un conto entre colegas na barra dun bar. O problema ven cando os datos de audiencia desas exhibicións políticas reflicten unhas cifras brutais que nos levan a pensar dúas cousas, unha boa e outra mala, coma nun chiste de Arévalo. A boa, o moito que nos interesa a política; a mala, darlle a razón a McLuhan.


Publicado no Diario de Pontevedra 6/12/2015

Ningún comentario:

Publicar un comentario