mércores, 9 de decembro de 2015

Somos espazo

ESPAZO como lugar de encontro e reflexión do artista e o arquitecto. Un xeito de habitar o lugar dende unha dobre perspectiva que ás veces se chega a tocar, e outras a distanciar, pero sempre propoñendo un punto de reflexión e análise.

Obra de Jorge Perianes

Dende este fío condutor móvese a mostra ‘Somos espazo’ que enche todo o recinto expositivo do Pazo da Cultura e que nace dentro da programación do Culturgal, pero prolongándose no seu tempo de visita polo público ata o 10 de xaneiro.
Atopamos nela a recreación de diferentes espazos que tentan explicar esa relación entre o eu e o que nos rodea. Ámbitos urbanos e ámbitos rurais, arquitecturas construidas e outras naturais, intervencións, modificacións, puntos de vista, periferias do real adaptadas ao irreal que se converten en tubo de ensaio para que 22 creadores desenvolvan os seus proxectos arredor desas miradas á contorna. Diferentes linguaxe como os da pintura, vídeo, fotografía, arquitectura, instalacións... procuran o artellar un pensamento de tese sobre a relación entre arte e arquitectura. Onde empeza unha e acaba a outra? Cando a arquitectura é só iso, ou tamén se converte en arte ou ao revés? E de feito non hai máis que percorrer cada unha desas presenzas para entender que esa liña, grazas ao labor de todos os protagonistas, é moito máis difusa do que pensamos e que aquí exposta alenta os nosos sentidos en torno a eses aspectos.
Os comisarios da mostra, Paula Cabaleiro e Antón Sobral ,souberon levar a bo porto o complexo labor de enguedellar a un conxunto de creadores que construisen no pazo os seus propios espazos persoasis. Uns territorios planxetados de cara ao espectador sen complexidades interpretativas, sen mergullarse nesa postmodernidade que afasta ao espectador das salas e dos discursos dos creadores. As pezas que aquí se amosan son formas de seguir plantexando esa relación, agora con espectador, involucrándoo no discurso, pero ao tempo facendoo dun xeito atractivo, pezas, as máis delas, que un non se cansa de mirar, de participar delas, de buscar as súas distintas facianas, de pescudar o seu valor.
Obra de Inge Álvarez
É certo que cada vez máis os arquitectos buscan o traballo conxunto co artista para os seus proxectos, para limar esas aristas entre disciplinas que son eliminadas dende o talento e o traballo en común, e nesta mostra pódese comprobar como o arquitecto tamén pode desdebuxar o seu medio e envorcarse nesta nova territorialidade que é a expositiva.
Cando Jorge Perianes proxecta a sombra dunha pedra xerada por unha luz vermella sobre unha casa, ou cando Xulio Gil compara coas súas fotografías as arquitecturas feitas polo home coas da natureza, ou cando Rosa García nos amosa as súas casiñas cheas de elementos naturais, ou cando Inge Álvarez ou Ventura Pérez Suárez constrúen as súas paisaxes non fan máis que poñer nos dous pratos da balanza dúas compoñentes e xogar con elas xerando, sobre todo, un ámbito estético cheo de logros que non nos deixan indiferentes.
Se o Pazo da Cultura de Pontevedra, xa é un feito arquitectónico por si mesmo, grazas ao labor do seu creador, o recoñecido Manuel de las Casas, agora esa mesma arquitectura serve de útero para plantexar ese debate da simbiose creativa entre arte e arquitectura. E, xunto cos xa citados, nomes como os de Mónica Alonso, Pedro Bueno, Román Corbato, Javier Fernández Pérez de Lis, Carmen Hermo, Víctor Hermo, Paula Mariño, César Portela, María Prada, Tono Mejuto, Rosa Neutro, Carme Nogueira, Yolanda Ríos, Olalla Sendón, Laureano Vidal e Taller Abierto compoñen un listado da experimentación.
Artistas máis ou menos novos, máis ou menos experimentados xúntanse para a creación dun novo espazo, un espazo no que nós mesmos somos parte del e que sendo parte moitas veces non temos a ocasión de mirar enfite para tentar comprendelo. Esta é unha boa oportunidade para facelo, e para facelo a través da arte. Qué mellor medio? 





Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra-El Progreso de Lugo 6/12/2015
Fotografías. Tania Moreira

Ningún comentario:

Publicar un comentario