Nós/Vós
Derradeira semana electoral enfilando
todas as monturas e os seus xinetes a recta de meta, e algúns deses cabalos
semellan ser cabalos de máis. Aí teñen o caso galego de Nós e as Mareas que
desembocaron nunha estraña alianza co Podemos
do benaventurado Pablo Iglesias que
abduciu aos enchidos de votos e soños capitáns desas mareas para atraelos ao
seu carón frustrando ó que debería ser un fronte común de claro tinte
galeguista.
Amiguiños si, pero a vaquiña polo que
vale, semella ser o slogan dos dous partidos con ascensión galega. O BNG, mimetizado nese Nós, coa estrela
que según Callón sinala o credo
verdadeiro, e os En Marea/Podemos,
que serían Vós. Nós e Vós, ben separadiños, restando votos a un proxecto galego
en común que se verá menosprezado por esa división, por eses dous cabalos
correndo e gastando forzas por unhas siglas diferentes que deberían ser unha
soa.
De novo a falta de unidade nesta terra
cando se trata de defendernos a nós mesmos. Intereses partidistas, pensar que
se gañarán máis votos subíndose ao carro das modas... e así sigan apuntando as
razóns que a vostedes lle parezan, pero a realidade é que o acordo, cando se
trata de ir nunha mesma dirección, semella sempre imposible. Poucas ocasións
teremos tan boas para que xurda unha única voz con forza dende Galicia, agora, con dous cabalos
loitando entre si, todo semella que ambos chegarán rebentados, e o pior, con
lesións de cara un futuro sobre un mesmo cabalo.
Publicado no Diario de Pontevedra 15/12/2015
Ningún comentario:
Publicar un comentario