Obtusos
Se lembran a marabillosa película ‘Cadena perpetua’ non esquecerían cal
foi o momento no que ese perverso alcaide estoupa de ira ante o preso
interpretado por Tim Robbins e que
tanto lle axudaba na súa contabilidade, lembran? pois cando éste lle chama
obtuso. A partir de aí o inferno. Unha palabra peor cunha labazada. A pluma por
riba da espada.
A execrábel agresión sufrida polo
presidente do Goberno en Pontevedra
deixou, ademais dun acto que nunca debería terse producido, a visibilidade da
cantidade de obtusos que poboan o noso territorio. Tantos que si voasen non
veríamos o sol. O primeiro, evidentemente, o autor deses feitos, incapaz de
saber que hai pasos que nunca se deben dar, que a reprobación de calquera
persoa nunca debe exceder o argumentario, a palabra, e que con ela se pode
facer moito dano, como vimos, tanto en ‘Cadena perpetua’, como no debate do
pasado luns cando Mariano Rajoy puxo
a mesma cara co alcaide ante a calificación da súa conduta ante os seus feitos
políticos coma ‘indecentes’ por parte do líder do PSOE.
Pero obtusos tamén son os que nunha
fracción de twitter comenzaron a trousar pola súa boca as barbaridades máis
dispares. Dende vinculacións con partidos extremistas ata relacións ultras co Pontevedra c.f., dende un ataque
perfectamente planificado ata os que vencellan este acto coas palabras de Pedro Sánchez nese debate. Tamén os que
comezaron a elucubrar sobre a orixe social do agresor, os que falan da xeración
de odio ao longo da campaña ou os que encheron as redes sociais con grazas de
dubidoso gusto que non viñan máis que a encher de miserias o propio suceso.
Obtusos tamén foron os que ampliaron co
photoshop o alcance das feridas do presidente para empatizar cos posibles
votantes e tamén os que empregaron o traballo dos demais para tapar as súas
carencias e facelo sen o máis mínimo decoro profesional ao copiar e reproducir
a única imaxe do preciso instante da agresión obtida por este xornal da man de Santy Mosteiro e que medio mundo viu e
emitiu respectando a súa autoría, mentres outros, cansados de dar leccións de
ética xornalística, reveláronse coma rateiros da información.
Quizais é o tempo de preguntarse qué
tipo de sociedade estamos a xerar tras este tipo de feitos nos que un rapaz de
17 anos plántase a carón de todo un presidente do Goberno e lle solta un puño
sen o menor pudor ou arrepentimiento. Unha violencia alicerzada nunha sociedade
que, por moito que lles custe entender aos obtusos, nada ten que ver coa
política.
Publicado no Diario de Pontevedra 18/12/2015
Ningún comentario:
Publicar un comentario