NO ANO 2006 Disney merca Pixar, a
compañía creadora de éxitos como Toy Story, Monsters, Buscando a Nemo ou Os
incríbles, ao darse conta de que os seus protagonistas comezaban a verse
superados polos feitos polos creativos de Pixar. Esa compra, entendida xa como
un gran negocio, fixo temer a moitos que Pixar perdería parte da súa
identidade, dun cine que revolucionou a animación grazas á aplicación dunha
nova tecnoloxía pero tamén a unha serie de guións capaces de afondar no ser
humano a través dunhas historias pensadas xa non só para rapaces.
Ben lonxe desa presunción Pixar soubo
perfectamente controlar a dose de azucre con que gosta adornar os seus produtos
Disney e, cun maior respaldo económico, xurdiron obras mestras como Cars,
Ratatouille ou Up, xunto a outras películas tamén magníficas. Ese equilibrio
entre os dous mundos, o de Pixar e o de Disney, funciona coma unha perfecta
balanza na que calibrar ambos compoñentes e poñelos a disposición do cine, do
cine con maiúsculas que é como se debe entender estas produccións, aínda que
sexan de animación, semellando que sempre teñen que demostrar algo máis que o
outro cine. Hoxe en día a animación permite facer algo moi semellante ao cine
feito por actores reais, a súas historias, o seu desenvolvemento, a súa posta
en común coa realidade, permítenos achegarnos ao que nos sucede hoxe en día,
tamén a través deste cine de animación .
Bo exemplo diso é a última das súas
estreas, ‘A viaxe de Arlo’ que durante estes días pódese ver nas nosas
pantallas. Un filme cheo deses elementos que equilibran un produto para acadar
a dose necesaria de éxito. A historia dun pequeno dinosauro medoso e con moitos
complexos ao lombo e que se verá envolto nunha viaxe iniciática e chea de
peripecias, permítenos ver o ben que se sabe adaptar a productora a esa
dinámica. Ese dinosauro posúe as características do ser humano que medra cheo
de temores e de incomprensións e que se atopará no devir duha viaxe de
aprendizaxe acompañado dun neno que ten o comportamento dun animal. Unha
mutación que permite mudar os papeis e ofrecer un curioso contraste que achega
unha nova visión a este tipo de narracións nas que o camiño conxunto vai
establecendo todo ese proceso dende o que poder medrar e enfrontarse ao mundo
adulto.
Non é novo ese emprego da viaxe como
espazo de crecemento interior, e é algo que xorde da gran narrativa, tamén dos
primeiros tempos. Qué é a Odisea senón o relato dunha viaxe ou Moby Dick?,
colocar ao ser humano en situacións límites para tentar rescatar do seu
interior aquilo que lle vai facer evolucionar. Tamén Disney o plantexou co Rei
León e máis tarde xa con Pixar en Up.
Pero no filme asoman outros ingredientes
que seguen a facer medrar o cine de animación e así durante uns minutos o filme
convértese nun western, que lle outorga un carácter épico ao argumento. Albíscase
o Monument Valley fordiano, e atopámonos con escenas e planos moi do estilo do
western clásico de Howard Hawks ou o máis recente de Kevin Costner. É a
necesidade do desafío ante a natureza, o medirse con forzas moi superiores a un
e que, dende a súa domesticación, serven para alicerzar un novo espírito. E
despois, por suposto, a emoción, a bágoa que comeza a saír cando se resolve o
argumento, cando entendemos que a viaxe, como tantas na vida, non foi un
territorio ermo.
Cando por unha pantalla asoma Luxo Jr.,
esa lámpada que é a mascota de Pixar, preparámonos para asistir a unha aventura
do mellor cine que se pode ver hoxe. Historias que teñen a animación case como
unha disculpa para explorar as condutas do ser humano, ao fin e ao cabo, ao que
sempre se debe calquera manifestación artística, e o que fai Pixar, e o que nos
chega a transmitir e arte de primeira categoría froito dun equilibrio xenial.
Publicado no suplemento Táboa Redonda. Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo 20/12/2015
Ningún comentario:
Publicar un comentario