A publicación das viñetas publicadas
en prensa por Castelao ponnos ante unha faciana máis do maxín do artista
rianxeiro, a través dun xeito de achegarse ao público e de tentar poñelo diante de
diferentes realidades nas que o ser humano e Galicia eran a súa teima.
O ESCOLANTE ANDALUZ. ¿Cuánto año tiene?
-Non temos año ningún; temos unha ovella.
|
HAI PROXECTOS culturais que xustifican
o papel dunha editorial dentro do sistema cultural dun pobo. Aquilo que se pode
achegar dende o prelo para afianzar o que somos e revelar moito do que nos
conforma como sociedade. Esto ven de acontecer coa reedición por parte da
editorial Galaxia en sete volumes de pequeno tamaño (non se asusten) divididos
por temáticas, das viñetas de Castelao, compoñendo unha deliciosa obra chea da
esencia do que supuña o quefacer do rianxeiro. Unha mezcla da súa capacidade
para o debuxo pero tamén para, mediante unha escrita ben afinada, apuntar
moitos dos elementos que lle preocupaban ante o que acontecía no mundo do seu
tempo e en especial en Galicia.
Un por un o lector non deixa de gozar
con cada un destes libros cheos de viñetas agrupados por diferentes temáticas:
os vellos, os homes, os caciques, as mulleres, os animais, os nenos, todos eles
forman parte desas ‘Cousas da vida’ que xa Galaxia editara nos anos sesenta e
setenta recuperando os debuxos publicados en cabeceiras de prensa como
‘Galicia’, ‘Diario de Vigo’ e ‘Faro de Vigo’ por Castelao entre 1924 e 1925. En
todos eles apreciase a destreza de Castelao para o debuxo, para sintetizar
moitas cousas nunha soa liña, para recoller o mundo nun só trazo e chantalo nun
pequeno papel cun claro compromiso co ser humano e a súa dignidade e, como non,
coa súa terra.
As viaxes de Castelao por Europea
conferíronlle unha fonda admiración pola viñeta, e pola súa capacidade como
xeito de transmisión ao pobo de diferentes valores que podían suxeitar calquera
revolución fronte as élites dominantes. Ese papel didáctico ou aleccionador é
moi claro en Castelao que ademáis as enche dunha certa mirada poética ou
sentimental que noutros debuxantes, como os da xeración posterior, os Maside ou
Torres, que tamén desenvolveron interesantes carreiras no terreo da viñeta,
foron eliminando para centrarse máis a fondo no carácter combativo da mensaxe.
Ese dicir as cousas rindo é propio do
mundo da vangarda, da modernidade que se abría paso dende as vilas para
alicerzar un novo espazo. O humor como a mellor arma para desentrañala
realidade, pero sobre todo para xerar pensamento e reflexión no espectador.
Unha semente dende a que xerar conciencia. E se falamos de semente poucos personaxes
son tratados con tanta delicadeza e respecto coma os nenos. O número adicado
aos cativos é todo un modelo do que pretendía Castelao con estas viñetas, con
estes debuxos nos que as figuras dos nenos son a falta de maldade, o
descubrimento da contorna na que se moven e a súa relación cos maiores. Viñetas
medioambientais, culturais, sociais, reivindicativas, inocentes... en
definitiva, pequenas xoias por cómo recolle Castelao con só unha mirada baseada
nun sinxelo debuxo e un pequeno texto (unha ou dúas frases), unha mensaxe de
fondo tan poderosa e chea de forza como a que posúen todas elas.
- ¿E papá volverá rico?
- Abonda que veña san, meu fillo.
|
Un debuxo tras outro este pequeno
tratado filosófico sobre a realidade vivida nun tempo, pero tamén no que se
agocha moito do que conforma a nosa identidade común, non deixa de abraiarnos,
en boa medida por ese trazo fino de liñas sinxelas que se van enguedellando
entre si ata facer da figura unha síntese do ser humano, perfilando de xeito
maxistral os tipos da sociedade: os ricos, os pobres, os poderosos, os humildes,
a nai, o fillo, as vellas... toda unha xeografía humana á que se debe Castelao
e onde sabe que repousa o noso saber máis íntimo, aquel que nos identifica dun
xeito como non o pode facer outra realidade. A vida dos seus debuxos xorde,
precisamente, desa situación, de ser quen de trasladar un anaco de vida ao
papel para poñelo ante nós e situarnos fronte a un espello. Un espello no que
os nenos amosan unha mirada especial, a desa semente que no futuro convertirase
no que somos.
Publicado no suplemento Táboa Redonda. Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo 13/12/2015
Tes toda a razón.
ResponderEliminar