xoves, 10 de decembro de 2015

Caderno de campaña. Entre Pontes. Acto III

Concelleiros
Nesta campaña de todos contra Mariano (que mudou en un todos contra Sánchez) o presidente esgrime como sólido argumento para saír elexido pola cidadanía, e que esta lle renove a confianza, o seu paso por diferentes cargos noutras tantas administracións, e unha e outra vez repite o ‘mantra’ de que os ‘novos’ nin sequera foron concelleiros. Abofé que Mariano Rajoy percorreu na súa longa vida política todo tipo de despachos: locais, autonómicos, nacionais... toda unha vida pisando moquetas de veludo e sentándose en cómodos sofás de skai, pero de aí a limitar o que pode ofrecer un presidente a ter sido concelleiro, pois oiga, como que non.
Eu a moitos dos concelleiros que coñezo, case tantos como os que non coñezo, pese as súas estadías no posto durante anos, no lles auguro moita ganancia se o que poñen no seu currículo é o seu labor no desempeño do cargo. Incluso se imos ao currículo como concelleiro do propio presidente vemos como tomou posesión o 23 de maio de 1983 para, menos dun mes despois, o 11 de xuño dar o salto á Deputación Provincial como presidente, cargo ao que seguramente lle prestou máis atención que ao seu propio quefacer como concelleiro, do que non dubido da súa brillantez e achegas para a cidade de Pontevedra, en clara competencia cos logros acadados dende outras administracións para esta cidade da que nin tan sequera ten o seu xornal enriba da súa mesa, como deixou constancia o notario maior destas eleccións, Bertín Osborne.


Publicado no Diario de Pontevedra 10/12/2015

Ningún comentario:

Publicar un comentario