Concelleiros
Nesta campaña de todos contra Mariano
(que mudou en un todos contra Sánchez) o presidente esgrime como sólido
argumento para saír elexido pola cidadanía, e que esta lle renove a confianza,
o seu paso por diferentes cargos noutras tantas administracións, e unha e outra
vez repite o ‘mantra’ de que os ‘novos’ nin sequera foron concelleiros. Abofé
que Mariano Rajoy percorreu na súa longa vida política todo tipo de despachos:
locais, autonómicos, nacionais... toda unha vida pisando moquetas de veludo e
sentándose en cómodos sofás de skai, pero de aí a limitar o que pode ofrecer un
presidente a ter sido concelleiro, pois oiga, como que non.
Eu a moitos dos concelleiros que
coñezo, case tantos como os que non coñezo, pese as súas estadías no posto
durante anos, no lles auguro moita ganancia se o que poñen no seu currículo é o
seu labor no desempeño do cargo. Incluso se imos ao currículo como concelleiro
do propio presidente vemos como tomou posesión o 23 de maio de 1983 para, menos
dun mes despois, o 11 de xuño dar o salto á Deputación Provincial como
presidente, cargo ao que seguramente lle prestou máis atención que ao seu
propio quefacer como concelleiro, do que non dubido da súa brillantez e achegas
para a cidade de Pontevedra, en clara competencia cos logros acadados dende
outras administracións para esta cidade da que nin tan sequera ten o seu xornal
enriba da súa mesa, como deixou constancia o notario maior destas eleccións,
Bertín Osborne.
Publicado no Diario de Pontevedra 10/12/2015
Ningún comentario:
Publicar un comentario