sábado, 12 de decembro de 2015

Antoine Doinel


"Se non fixera cine, estaría perdido.
Non podería facer nada, non sei facer outra cousa, sentiríame inválido" (François Truffaut)





Aínda co regusto do Culturgal na boca, Pontevedra vólvese a relamber co sabor doce da cultura nesta fin de semana. Desta volta toca cine, e cine do bo, dese que rara vez asoma polas carteleiras comerciais, coa posta en marcha dun deses proxectos cheos de ilusións que moi de vez en cando saen adiante, e non o dubiden, para quedarse. A edición número 0 do Festival Internacional Novos Cinemas é toda unha declaración de intencións sobre o perfil que se lle quere dar a este evento nas sucesivas edicións.
Tres días que encherán de cine o Teatro Principal, recuperando así un espazo que acolleu ás primeiras proxeccións cinematográficas na cidade e que pretende amosar aquelas longametraxes que supoñen a primeira ou segunda obra dun realizador ou realizadora. Pasado e presente que repousa nunha pantalla, nun ecosistema revitalizador para os que gustamos desta arte, e así, desta volta, xunto aos creadores que amosarán os seus traballos Javier Rebollo, Damien Manivel, João Pedro Plácido, Laia Alabart, Alba Cros, Laura Rius e Marta Verheyen, a dirección do festival, con bo tino e amosando que sabe de qué vai a cousa, proxectou onte, como todo un emblema do certame, outra primeira película, pero unha desas primeiras películas que o son non só dun director, senón de moitas outras cousas que acontecerían pouco despois. ‘Os 400 golpes’ de François Truffaut é un deses tesouros que, ante unha explosión nuclear que devastase o noso mundo, habería que meter nunha cápsula espacial para salvala do desastre. Ela deu orixe á Nouvelle Vague así como a un proceso de renovación do cinema que apostaba por unha maior veracidade afastándose da excesiva rixidez do cinema de estudo e insertando nas súas tramas un existencialismo que afondaba na situación do home e o seu tempo. Naquel 1959 François Truffaut dinamitou o cine dende a pantalla do Festival de Cannes e permitiu que toda unha xeración de novos directores, os Alain Resnais, Jean Luc Godard, Rivette ou Chabrol mirasen ao mundo, e fixeron que nós tamén o vísemos, dun xeito diferente, máis apegado a un novo tempo, a unha nova realidade.
Antoine Doinel, o rapaz protagonista de ‘Os 400 golpes’ é o neno que descubre un mundo de adultos, tamén a perda da inocencia, o desamparo ante a incomprensión, moito, en definitiva, do que sente este festival no seu comezo, unha sensación que desaparecerá ao longo do tempo, cando as sucesivas edicións vaian dándolle a razón a Dani Froiz, Suso Novas  e Ángel Santos xunto co Concello de Pontevedra e a Universidade de Vigo como impulsores deste soño que pasa dunha mesa de conversa a unha pantalla. Todos correremos canda eles como Antoine Doinel nesa prodixiosa escena final cara ao mar, sentindo a liberdade que outorga o cine e a necesidade de vivir sentindo a brisa e as pingas de auga salgada na cara. Todos somos Antoine Doinel, e alá quen non o sexa.
Pero non pensen que a cousa queda aí, non, outros que xa levan correndo algún tempo son os organizadores do Master Class do Audiovisual Galego na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra que chega, tamén nesta semana, á súa quinta edición e o fai ao grande, proxectando, o vindeiro martes, un dos grandes éxitos da tempada a cargo dun galego como director e con produción tamén nosa, ‘El desconocido’, nun pase que contará coa presenza do propio director, Dani de la Torre. Latexos de cine que teñen a Pontevedra como epicentro, un xeito máis de facer cidade dende a imaxe, dende o talento e a creatividade do ser humano, dende a cultura.
Non deixen de mirar o programa do Festival, ademais de proxeccións hai encontros cos seus protagonistas e foros de debate sobre a realidade do cinema e o audiovisual en Galicia. Non lles deixará indiferentes, como tampouco o fixo Truffaut co seu cinema, toda unha subversión da orde establecida dende unha película cero pero inmensa, a partir da cal só podían chegar cousas mellores, e así foi. Nas súas seguintes películas vimos como medraba Antoine Doinel, un alter ego que ía enfrontándose á vida nun combate real, pegado á pel. En anos seguintes veremos como este festival tamén vai medrando. Beizóns e parabéns!



Publicado no Diario de Pontevedra 12/12/2015

Ningún comentario:

Publicar un comentario