"Se non fixera cine, estaría perdido.
Non podería facer nada, non sei facer outra cousa, sentiríame inválido" (François Truffaut)
Aínda co regusto do Culturgal na boca, Pontevedra
vólvese a relamber co sabor doce da cultura nesta fin de semana. Desta volta
toca cine, e cine do bo, dese que rara vez asoma polas carteleiras comerciais,
coa posta en marcha dun deses proxectos cheos de ilusións que moi de vez en
cando saen adiante, e non o dubiden, para quedarse. A edición número 0 do Festival Internacional Novos Cinemas é
toda unha declaración de intencións sobre o perfil que se lle quere dar a este
evento nas sucesivas edicións.
Tres días que encherán de cine o Teatro Principal, recuperando así un
espazo que acolleu ás primeiras proxeccións cinematográficas na cidade e que
pretende amosar aquelas longametraxes que supoñen a primeira ou segunda obra
dun realizador ou realizadora. Pasado e presente que repousa nunha pantalla,
nun ecosistema revitalizador para os que gustamos desta arte, e así, desta
volta, xunto aos creadores que amosarán os seus traballos Javier Rebollo, Damien
Manivel, João Pedro Plácido, Laia Alabart, Alba Cros, Laura Rius e Marta Verheyen, a dirección do
festival, con bo tino e amosando que sabe de qué vai a cousa, proxectou onte,
como todo un emblema do certame, outra primeira película, pero unha desas
primeiras películas que o son non só dun director, senón de moitas outras
cousas que acontecerían pouco despois. ‘Os
400 golpes’ de François Truffaut
é un deses tesouros que, ante unha explosión nuclear que devastase o noso
mundo, habería que meter nunha cápsula espacial para salvala do desastre. Ela
deu orixe á Nouvelle Vague así como
a un proceso de renovación do cinema que apostaba por unha maior veracidade
afastándose da excesiva rixidez do cinema de estudo e insertando nas súas
tramas un existencialismo que afondaba na situación do home e o seu tempo.
Naquel 1959 François Truffaut dinamitou o cine dende a pantalla do Festival de Cannes e permitiu que toda
unha xeración de novos directores, os Alain
Resnais, Jean Luc Godard, Rivette ou Chabrol mirasen ao mundo, e fixeron que nós tamén o vísemos, dun
xeito diferente, máis apegado a un novo tempo, a unha nova realidade.
Antoine
Doinel, o rapaz protagonista de ‘Os 400
golpes’ é o neno que descubre un mundo de adultos, tamén a perda da inocencia,
o desamparo ante a incomprensión, moito, en definitiva, do que sente este
festival no seu comezo, unha sensación que desaparecerá ao longo do tempo,
cando as sucesivas edicións vaian dándolle a razón a Dani Froiz, Suso Novas
e Ángel Santos xunto co Concello de Pontevedra e a Universidade de Vigo como impulsores
deste soño que pasa dunha mesa de conversa a unha pantalla. Todos correremos
canda eles como Antoine Doinel nesa prodixiosa escena final cara ao mar,
sentindo a liberdade que outorga o cine e a necesidade de vivir sentindo a
brisa e as pingas de auga salgada na cara. Todos somos Antoine Doinel, e alá
quen non o sexa.
Pero non pensen que a cousa queda aí,
non, outros que xa levan correndo algún tempo son os organizadores do Master Class do Audiovisual Galego na Facultade de Ciencias Sociais e da
Comunicación de Pontevedra que chega, tamén nesta semana, á súa quinta
edición e o fai ao grande, proxectando, o vindeiro martes, un dos grandes
éxitos da tempada a cargo dun galego como director e con produción tamén nosa,
‘El desconocido’, nun pase que
contará coa presenza do propio director, Dani
de la Torre. Latexos de cine que teñen a Pontevedra como epicentro, un
xeito máis de facer cidade dende a imaxe, dende o talento e a creatividade do
ser humano, dende a cultura.
Non deixen de mirar o programa do
Festival, ademais de proxeccións hai encontros cos seus protagonistas e foros
de debate sobre a realidade do cinema e o audiovisual en Galicia. Non lles deixará indiferentes, como tampouco o fixo
Truffaut co seu cinema, toda unha subversión da orde establecida dende unha
película cero pero inmensa, a partir da cal só podían chegar cousas mellores, e
así foi. Nas súas seguintes películas vimos como medraba Antoine Doinel, un
alter ego que ía enfrontándose á vida nun combate real, pegado á pel. En anos
seguintes veremos como este festival tamén vai medrando. Beizóns e parabéns!
Publicado no Diario de Pontevedra 12/12/2015
Ningún comentario:
Publicar un comentario