ESPAZO como lugar de encontro e
reflexión do artista e o arquitecto. Un xeito de habitar o lugar dende unha
dobre perspectiva que ás veces se chega a tocar, e outras a distanciar, pero
sempre propoñendo un punto de reflexión e análise.
Obra de Jorge Perianes |
Dende este fío condutor móvese a mostra
‘Somos espazo’ que enche todo o recinto expositivo do Pazo da Cultura e que
nace dentro da programación do Culturgal, pero prolongándose no seu tempo de
visita polo público ata o 10 de xaneiro.
Atopamos nela a recreación de
diferentes espazos que tentan explicar esa relación entre o eu e o que nos
rodea. Ámbitos urbanos e ámbitos rurais, arquitecturas construidas e outras
naturais, intervencións, modificacións, puntos de vista, periferias do real
adaptadas ao irreal que se converten en tubo de ensaio para que 22 creadores
desenvolvan os seus proxectos arredor desas miradas á contorna. Diferentes
linguaxe como os da pintura, vídeo, fotografía, arquitectura, instalacións...
procuran o artellar un pensamento de tese sobre a relación entre arte e
arquitectura. Onde empeza unha e acaba a outra? Cando a arquitectura é só iso,
ou tamén se converte en arte ou ao revés? E de feito non hai máis que percorrer
cada unha desas presenzas para entender que esa liña, grazas ao labor de todos
os protagonistas, é moito máis difusa do que pensamos e que aquí exposta alenta
os nosos sentidos en torno a eses aspectos.
Os comisarios da mostra, Paula
Cabaleiro e Antón Sobral ,souberon levar a bo porto o complexo labor de enguedellar
a un conxunto de creadores que construisen no pazo os seus propios espazos
persoasis. Uns territorios planxetados de cara ao espectador sen complexidades
interpretativas, sen mergullarse nesa postmodernidade que afasta ao espectador
das salas e dos discursos dos creadores. As pezas que aquí se amosan son formas
de seguir plantexando esa relación, agora con espectador, involucrándoo no
discurso, pero ao tempo facendoo dun xeito atractivo, pezas, as máis delas, que
un non se cansa de mirar, de participar delas, de buscar as súas distintas
facianas, de pescudar o seu valor.
Obra de Inge Álvarez |
É certo que cada vez máis os
arquitectos buscan o traballo conxunto co artista para os seus proxectos, para
limar esas aristas entre disciplinas que son eliminadas dende o talento e o
traballo en común, e nesta mostra pódese comprobar como o arquitecto tamén pode
desdebuxar o seu medio e envorcarse nesta nova territorialidade que é a
expositiva.
Cando Jorge Perianes proxecta a sombra
dunha pedra xerada por unha luz vermella sobre unha casa, ou cando Xulio Gil
compara coas súas fotografías as arquitecturas feitas polo home coas da
natureza, ou cando Rosa García nos amosa as súas casiñas cheas de elementos
naturais, ou cando Inge Álvarez ou Ventura Pérez Suárez constrúen as súas paisaxes
non fan máis que poñer nos dous pratos da balanza dúas compoñentes e xogar con
elas xerando, sobre todo, un ámbito estético cheo de logros que non nos deixan
indiferentes.
Se o Pazo da Cultura de Pontevedra, xa
é un feito arquitectónico por si mesmo, grazas ao labor do seu creador, o
recoñecido Manuel de las Casas, agora esa mesma arquitectura serve de útero
para plantexar ese debate da simbiose creativa entre arte e arquitectura. E,
xunto cos xa citados, nomes como os de Mónica Alonso, Pedro Bueno, Román
Corbato, Javier Fernández Pérez de Lis, Carmen Hermo, Víctor Hermo, Paula
Mariño, César Portela, María Prada, Tono Mejuto, Rosa Neutro, Carme Nogueira,
Yolanda Ríos, Olalla Sendón, Laureano Vidal e Taller Abierto compoñen un
listado da experimentación.
Artistas máis ou menos novos, máis ou
menos experimentados xúntanse para a creación dun novo espazo, un espazo no que
nós mesmos somos parte del e que sendo parte moitas veces non temos a ocasión
de mirar enfite para tentar comprendelo. Esta é unha boa oportunidade para
facelo, e para facelo a través da arte. Qué mellor medio?
Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra-El Progreso de Lugo 6/12/2015
Fotografías. Tania Moreira
Ningún comentario:
Publicar un comentario