A estrea de ‘Spotlight’, un dos
filmes favoritos para os Oscar, reconcílianos xa non só co bo cine, senón coa
profesión xornalística, cada vez máis ameazada por un ecosistema empeñado en
distraernos de moitas das miserias que nos afectan como colectivo.
NON SON BOS tempos para a profesión. O
xornalista está cada vez máis afastado do que significa a súa profesión por uns
tempos que buscan de xeito afanoso o silencio ou o entretemento gratuito.
Investigar, camiñar polas fendas que a nosa sociedade amosa, case que está mal
visto, xa non só por un lector cada vez menos esixente, senón, e isto é o gran
problema, por uns medios de comunicación demasiado pendentes das rabuñadas que
lles poden dar aos diferentes poderes que poden facer peligrar a súa
supervivencia en tempos nos que todo pende do fío da inestábel economía. Así as
cousas atoparse cunha película que se mergulla na esencia do xornalismo, e
ademais estar tan ben feita como ‘Spotlight’, a un, aínda optimista por
natureza —pese aos esforzos que adican moitos a que ese optimismo morra—
reconcíliao coa profesión e pensa que aínda queda algún vieiro de esperanza. Dirixida
por Thomas McCarthy e protagonizada por Michael Keaton, Mark Ruffalo ou Rachel
McAdams, ‘Spotlight’ e un dignísimo epígono daquel cinema vencellado ao poder
ou mellor dito, a necesidade de toda sociedade por ter uns medios de
comunicacións que amosen a verdade, que non deixen de loitar e pelexar porque
as eivas do noso tempo non pervertan o noso xeito de convivencia. Dende o
modelo canónico establecido por ‘Todos los hombres del presidente’ (1976) ata
hoxe, pódense contar cos dedos das mans as películas que reflicten esa relación
cada vez máis angustiosa mantida entre o xornalismo e a sociedade e que nos
anos setenta os Estados Unidos recuperaron como parte dun proceso de expiación
íntima da súa deriva dende a Guerra de Vietnam, a Crise do Petróleo e o fin da
Guerra Fría. Un país que se psicoanalizaba dende o cinema e que asistiu a como
Bernstein e Woodward permitían albiscar unha sorte de redención dende o
xornalismo, dende esa voz ceibe que fronte as censuras e as pegadas do poder
poidesen darlle voz ao individuo fronte a un ecosistema feito anacos. Aquela
redacción do Washington Post resucita agora na do Boston Globe entre 2001 e
2002, tamén como o espazo máis luminoso de todo o filme, a metafóra visual e
física do lugar no que se atopa a verdade que busca, neste caso, un equipo de
investigación chamado Spotlight que, dende dentro do xornal, desenvolve
investigacións xornalistas que poden durar meses —si, o bo xornalismo non é o
das presas, senon o de ir atando fíos ata tecer unha arañeira na que capturar a
realidade—. Nesta ocasión a pescuda xira en torno a unha serie de casos de
pederastia dentro da Igrexa católica en diferentes parroquias de Boston e como
a Igrexa consentiu e amparou eses feitos durante décadas.
Casos reais que na película toman un
sentido de maior veracidade dende aspectos esenciais para artellar un bo filme
como o guión, a montaxe ou o traballo duns actores abraiantes, todos eles, para
facer del un monumento ao xornalismo nestas horas tan baixas como as que vive.
Galardoada nos prestixiosos premios da Crítica en Estados Unidos, antesala dos Oscar, con premios tan senlleiros coma os de mellor película, mellor guión orixinal e mellor reparto. Tres alicerces para presentar a súa candidatura á gran noite do cine mundial fronte a películas que a priori eran moito máis favoritas pola súa potencia como ‘El renacido’, ‘Mad Max’ ou ‘Los odiosos ocho’. Pero nesa cinta ademais dos seus moitos valores cinematográficos atópase un ao que debemos ser fieis, o de facer dese xornalismo de investigación o faro para vixiar calquer sistema. Cando, a piques de rematar a película, vemos a rotativa funcionando e os camións saíndo a rúa levando milleiros de xornais que contan unha historia sepultada polas accións de tantos que ao mesmo tempo sepultaron a vida de moitas persoas, sentimos un arrepío ao dármonos conta de que unha sociedade sen xornalismo é coma unha pantalla sen filme.

Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 14/02/2016
Ningún comentario:
Publicar un comentario