Xa se comeza a sentir un formigueiro
polas pernas, un bulir na cabeza e ata erupcións na pel, o que, vendo o
programa do Salón do Libro, xa é unha dúbida máis que razoábel por se todo iso
se debe á emoción polo pouco tempo que queda para que arrinque un dos eventos
máis senlleiros do ano ou pola multitude de bichos cos que teremos que convivir
ao longo do tempo que permanecerá aberto o Salón e que xa semellan estar a
carón de nós.
Terá que ter moito coidado o bo de Orbil
de a quen se achega eses días ou a onde se arrima, xa que o Salón, ese
marabilloso espazo cheo de soños feitos realidade, vai estar infestado de
bichos, de seres moitas veces desprezados e que non dubidamos en esmagar cheos
de fachenda sen saber da súa necesidade, dunha función nun ecosistema no que
todos somos necesarios e que todos xuntos compoñemos de xeito solidario. Se os
cativos xa son quen de pensar un tempo nesta situación, o Salón xa cumprirá un
dos seus obxectivos, o específico deste ano, e que servirá para sumar ao fin
permanente do fomento da lectura, de artellar un corpo de lectores forte e de
futuro ou de alentar o maxín dos nenos, en definitiva, de compoñer un espazo de
lecer alicerzado na cultura. Pura maxia!
Este ano, ademais, contamos cunha
invitada de excepción, unha rapaza chamada Extravaganzza Pérez. Que non a
coñecen? pois no Salón van coincidir moito con ela xa que é a protagonista dun
libro publicado polo propio Salón e escrito pola engaiolante Ledicia Costas, o
primeiro dunha colección que avanza nas propostas desta iniciativa cultural
xurdida fai dezasete anos e que converte a Pontevedra na primavera literaria de
Galicia. Unha primavera de raiolas cada vez máis quentes, de flores que
espertan e de bichos, moitos bichos, xa que, ademais dos xa tradicionais no
Salón do Libro, con dúas perniñas, baixiños, morenos ou loiros e bulidores,
engádeselle unha fauna moi inspiradora.
Publicado no Diario de Pontevedra 18/03/2016
Ningún comentario:
Publicar un comentario