sábado, 25 de xuño de 2016

Atrapados na pantalla

«-Como serán as cousas fóra de aquí?
-Polo aspecto que teñen non creo que o pasen nada ben»
[Diálogo de ‘La rosa púrpura del Cairo’. Woody Allen]



O soño de moitos xa está aquí. Pontevedra está a piques de dicir que ten un festival de cinema, unha pantalla enteira para engulirmos e facermos formar parte dun dos inventos máis marabillosos do ser humano, que fixo moitas cousas mal, pero tamén algunha boa, como é o cinema.
Cando en decembro se organizou unha especie de ensaio xeneral, con atrezo completo, figurantes, directores, efectos especiais e todo o que conleva un cotarro destas características, editado como a versión 0 do Festival Novos Cinemas tiñamos ben claro que todo este soño ía a ser real, e que non sería cousa dun día, tendo a continuidade necesaria neste tipo de proxectos. Vímolo nese ensaio, pero xa o intuíamos ao saber quen estaba detrás desta pantalla que se abría á cidade de Pontevedra. Xente como Dani Froiz, Ángel Santos ou Suso Novás aos que o sangue lles circula polas veas a 24 fotogramas por segundo, non deixarían que isto fose unha aventura casual para poñermos aos amantes do cinema os dentes longos, senón que o que estaba agromando era unha das historias máis fermosas vencelladas á cultura e a cultura feita en Pontevedra.
Sempre se botou en falla nesta cidade un evento destas características, máis aínda dende que unha Facultade de Comunicación e Ciencias Sociais comezou a xerar talentos claramente recoñecibles no sector audiovisual galego, xa de por si cheo de milagres alleos á falla de compromisos en fite das administracións (ollo á situación que se vive no CGAI!) e sobrevivindo en base a este talento e ao esforzo individual e colectivo dos seus protagonistas. Esa eiva rematará cando se levante o pano do Festival, pero tamén ao ver como as institucións desta vez si que respostaron nunha feliz alianza para suxeitar, dende a cruda realidade dos cartos, o soño da pantalla dos organizadores do Festival.
Aquel encontro de decembro foi quen de incrementar a nosa impaciencia ante o que ía vir, e agora, coñecendo o programa que arrincará o vindeiro martes, damos por boa a espera. Unha sección oficial con nove películas de novos realizadores a concurso, unha retrospectiva adicada a José Luis Guerín, quen tamén impartirá un seminario, sesións de cinema ao aire libre, charlas, encontros entre profesionais do sector, proxeccións para escolares e presenzas como as dos directores e directoras de cada unha das películas, amosan como un festival pode xurdir de cero dende a paixón e o amor por un traballo que non depende únicamente do que se proxecta nunha pantalla ante o público, senón que precisa, e respira, a través dese intercambio entre o que hai tras ela e o que hai fóra. Entre os protagonistas que saen e entran na pantalla, como na película de Woody Allen, para poñerlle enriba da mesa un pulso que botar a esta sociedade tan acostumada a facer do que non é real un constante desprezo, cando cada vez debería ser máis imprescindíbel para non afogarmos na súa cada vez maior falla de osíxeno.
O cinema permite evadirmos da realidade, aquí me teñen a min vendéndolles soños en vez de consignas políticas ante o día de mañá. Facer equilibrios sobre a lona branca de proxección é un exercicio apaixoante que nos permite ter ao cinema como unha poderosa arma para coñecer e analizar como o ser humano forma parte dun ecosistema forxado por el, aínda que moitas veces semelle ser o seu máis firme perigo. Woody Allen con ‘La rosa púrpura del Cairo’ esnaquizou esa barreira física entre o real e o irreal, e sacou do interior da película aos seus protagonistas para movelos polo exterior. Agora, os organizadores do Festival Novos Cinemas queren que participemos desa ilusión.
Sexan cómplices, enchan cada unha das proxeccións, gocen cada un deses fotogramas e farán que este soño se prolongue cada ano como unha beizón para Pontevedra. Estes proxectos precisan do apoio xeral, sen facer contas nin contos, sen buscarlles intereses ás inversións que van a ir sempre máis alá da recuperación dos investimentos, porque hai cousas que non teñen prezo, que ninguén pode taxar, como acontece en tantos eidos da cultura e o seu indubidábel beneficio para o ser humano. Pontevedra séntase xa dende hoxe nas butacas do Teatro Principal, agardando que un raio de luz divida o real do irreal converténdonos en parte dun soño.


Publicado no Diario de Pontevedra 25/06/2016
Fotografía: Equipo do Festival Novos Cinemas na xornada de clausura da edición 0. (Tania Moreira)

Ningún comentario:

Publicar un comentario