A
Fundación Laxeiro acolle na súa sede en Vigo unha máis que interesante mostra
de traballos do escultor Silverio Rivas. Coñecido e alabado polas súas pezas
públicas e monumentais o cambio de escala que aquí se produce lévanos a
rexistrar novas sensibilidades na súa creación.
PENSAR
EN Silverio Rivas e no seu traballo escultórico lévanos inmediatamente a evocar
a súa escultura pública, o traballo de gran tamaño dende o que o artista foi
quen, a longo da súa xa longa traxectoria, de amosar preocupacións que
enriquecen as súas pezas nunha diálectica dos materiais e da resolución formal
plantexada dende a loita entre o estático e o dinámico, ao que se lle engade o
singular tratamento dos diferentes materiais empregados.
A
achega desta mostra comisariada por Javier Pérez Bujan é a do cambio de escala
e o que ese efecto conleva dende a nosa habitual posición fronte ás pezas do
escultor de Ponteareas. Esa nova perspectiva lévanos a describir unha especie
de poética do pequeno, ao calibrar como o que podían ser as súas grandes conquistas
escultóricas dende este novo rol convértense en íntimas posicións fronte ao
propio proceso escultórico, e o que podería ser unha sorte de ensaio ou de
boceto de cara a unha empresa maior, acada poder de seu, defendéndose dende
unha lírica de formas e materiais abraiante e da que a priori pouco se podía
esperar.
O
emprego para esas esculturas de follas de lata, arames ou pequenas madeiras
confírelles unha lixeireza afastada incluso do seu tamaño e que reside máis na
mestría do seu creador. Esas pequenas formas, case suspendidas no aire,
condensan moitas das preocupacións de Silverio Rivas no enfrontamento entre a
forma e o baleiro, e como a materia habita o espazo. ‘Mutación inducida’, nome
que recibe a mostra, afronta esa situación, a da mutación ou o cambio nun
material que formaba parte dunha realidade anterior, co seu uso industrial ou
cotiá e que se converte en material artístico. Situacións que se rexistran a
posteriori como o senso lúdico nas pezas ou unha formalidade do surreal
lévannos a ensanchar as súas propostas e a encher de riqueza visual a estas
pezas que se presentan en catro grupos.
A
exposición complétase cun conxunto igual de interesante, como é unha secuencia
de latas de refresco recollidas ao longo de diferentes paseos pola contorna do
seu estudo e ás que a natureza e os seus efectos foron transformando xunto coas
pegadas do contacto do ser humano, como o esmagado polas rodas de camións ou
tractores. Pezas coas que o artista se ía atopando e que non recollía ata que a
súa composición mudara tal e como el desexaba. Outra mutación a cargo duns
materiais que, intelixentemente dispostos ao longo de dúas paredes, ofrece unha
secuencia definida polo material e o paso do tempo. Artista e natureza
acometendo un mesmo fin, xerando unhas pezas nas que ambos deixan a súa pegada
nunha maridaxe imprevisible, pero que nos permite retomar unha nova forma de
existencia dende uns materiais desbotados pola nosa sociedade de consumo a un
ritmo tan vertixinoso como desalentador para esa mesma natureza.
Quedan,
polo visto, todos estes debuxos materializados en formas que se espallan polo
aire da sala de exposicións da Fundación Laxeiro nunha reflexión que xorde do
propio valor e a capacidade de mutación do material para desembocar nunha
proposta plenamente escultórica. Empregando unha técnica de ensamblaxe que
retoma postulados máis empregados nas súas primeiras etapas como creador,
naqueles momentos nos que o legado do seu mestre, como de tantos outros, Jorge
Oteiza, agromaba nunhas esculturas que nunca perderon ese fío conceptual.
Achegarse
a estas pequenas pezas é ver a un escultor doutra maneira, máis pegada ao labor
do taller, cando a futura peza é unha idea que precisa de sucesivos chanzos
para conformarse plenamente. Que estas obras saian do estudo e dialoguen sen
nengún rubor co espectador é unha boa nova que fala dun talento que non deixa
de medrar, pero sobre todo dun pensamento que pode aniñar sobre soportes moi
diferentes, nunhas experiencias que veñen a lexitimar un xeito de entender a
escultura que xa é parte irrenunciable do noso acervo escultórico.
Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo. 30/10/2016
Ningún comentario:
Publicar un comentario