A
iniciativa da Real Academia Galega de Belas Artes verá o seu soño cumprido o
vindeiro martes. Dende ese día o Museo do Prado amosará a obra do Mestre Mateo,
converténdose así no primeiro artista galego en ter o privilexio dunha
exposición individual nesa pinacoteca.
O ANO
1188 remátase o Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela. Dende
esa data a lenda do Mestre Mateo e o traballo que saíu do seu taller non deixou
de medrar ata hoxe, como un nome e unha contorna chea de misterios, de
preguntas sen respostar, pero que todas elas quedan disoltas no vagar dos
tempos cando un se enfronta á súa obra, a eses sorrisos que iluminan unha
escultura que, como en poucos lugares do mundo naquel tempo, deu un chimpo
imprevisíbel cara adiante, dotando ás súas figuras dunha humanidade e un
carácter terreal que se afastaba da constante achega á divinidade da Idade
Media.
O
Mestre Mateo prende así a súa obra, vencellada por primeira vez na nosa arte a
un nome, a un creador que tivo a consideración non só de artesán senón de
artista plenamente recoñecido, como queda ben claro coa concesión por parte do
rei Fernando II dunha renta vitalicia. Ese documento orixinal, coa sinatura do
monarca, é o punto de arrinque da primeira exposición adicada a un artista
galego no Museo do Prado. E tiña que ser el, o noso primeiro gran artista, o
xerador dunha linguaxe nova a rentes do ‘Finis Terrae’, cando o home se
afastaba da terra para achegarse ao ceo, a un chanzo seguinte na súa fe que
prendeu na Compostela da peregrinaxe humana. O Museo do Prado, dende a
iniciativa da Real Academia Galega de Belas Artes e o apoio da Fundación
Catedral de Santiago, xunto a diferentes institucións culturais de Galicia,
plantexa todo un discurso da descuberta da obra mateana que leva consigo a
impagábel difusión que supón ter en Madrid, na principal pinacoteca do mundo,
ao noso referente artístico.
A
partir dese documento será a propia escultura a que fale, na que recoñezamos as
características do artista e o seu taller e para iso reuniránse case todas as
pezas que se espallaron do Pórtico da Gloria tras a súa remodelación levada a
cabo no ano 1520, que supuxo o peche dun Pórtico aberto cara o exterior.
Na sala de Escultura, situada xunto á porta de Goya, atoparemonos con pezas
pertencentes ao Museo Catedralicio, como o Rei David, o Rei Salomón, a
reconstrucción hipotética do Rosetón da fachada, unhas dovelas co castigo da
luxuria, os cabalos do cortexo dos Reis Magos e un San Mateo, sendo estas tres
últimas pezas parte do coro pétreo da Catedral. Tamén dúas pezas do Museo de
Pontevedra, os profetas Enoc e Elías; e os patriarcas Abraham e Isaac conforman
a exposición, xunto cunha sorpresa de última hora, o derradeiro achádego en
relación á obra do Mestre Mateo, anunciado o pasado mes de outubro. Falamos
dunha figura, posiblemente un profeta que apareceu sen cabeza pero co seu
típico atributo, unha filacteria entre as mans.A exposición pecharase coa imaxe
do conxunto do Pórtico da Gloria, tal e como foi concebido, e ao seu carón as
palabras que lle adicou Rosalía de Castro en ‘Follas Novas’, no seu poema, ‘Na
Catedral’: «¿Estarán vivos? ¿Serán de pedra/aqués sembrantes tan
verdadeiros,/aquelas túnicas maravillosas,/aqueles ollos de vida cheos?/Vós que
os fixeches de Dios ca axuda,/de inmortal nome Mestre Mateo,/xa que aí
quedaches homildemente/arrodillado, faláime deso./Mais co eses vosos cabelos
rizos,/santo dos croques, calás... i eu rezo». Este fragmento é moi revelador
do que suscitaban as figuras do Mestre Mateo nos fieis, e tamén da
sensibilidade da propia Rosalía para captar a vida que se agochaba nelas, de
salientar o traballo dos paños, desas túnicas que amosan a mestría na labra da
pedra ao igual que acontece cos seus característicos cabelos rizados, así como
a inmortalidade á que está chamado un artista que é quen de facer iso.
Madrid
acollerá así unha mostra dun artista dunha terra no limiar do mundo, pero tamén
dun artista no limiar dun tempo que alumeou coas súas figuras, con esas pezas
que fuxían do muro para achegarse aos fieis, para compartir a vida cun home
que, dende aquela e ata hoxe, quedou abraiado cun mestre da escultura, cun
mestre da arte, o Mestre Mateo.
Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 27/11/2016
Ningún comentario:
Publicar un comentario