▶ «Os ollos de Tareixa Louzao
ilumináronse cando leu o remite do voluminoso sobre acolchado que lle acababa
de entregar o carteiro».
[‘Cartas de inverno’.
Agustín Fernández Paz]
Como acontece nas mellores situacións
coas que a natureza nos agasalla de xeito cíclico cada ano: as flores amarelas
xogando entre o verde da primavera, un longo atardecer de verán no que se
afunde o sol na Ría de Pontevedra,
ou as estremecedoras primeiras cores do outono, chega no seu tempo o Culturgal. Unha benvida que precisamos
e agardamos coa emoción daquilo que sabemos non vai facer máis que deixarnos
bos momentos, emocións, orgullo e imaxes inesquecíbeis que visibilizan todo
aquilo bo que se fai na nosa terra dende a sementeira da cultura. Primavera,
verán, outono e Culturgal.
Estamos ante tres días nos que unha
programación ateigada de actividades porá en valor o feito polos nosos
creadores dende os máis diversos eidos da creación, pero tamén por diversos
axentes culturais encargados de mobilizar todo ese traballo íntimo ata
convertelo en público, acadando así o seu verdadeiro valor dende a
personalidade que outorga a creatividade; pero tamén o valor económico, polo que
ten de parte do tecido industrial de Galicia.
Cando un entra no Culturgal acada unha
sensación semellante ao comezo dunha novela, ao entrar a formar parte dun
relato cheo de camiños que tomar, de opcións que ante nós emerxen para que
sexamos conscientes da diversidade da nosa creación. Tomemos como exemplo
as primeiras liñas dun libro especial e cunha dobre condición de
protagonista na Feira, ‘Cartas de
inverno’ do inesquecíbel Agustín
Fernández Paz. O primeiro ámbito desa condición pertence á de ser este o
primeiro Culturgal no que sentirmos orfos do bo de Agustín, pero cuxa presenza
faise efectiva, xa non só coa súa imprescindíbel escrita, senón coa gran
fotografía que, coma un faro, alumea no posto de Xerais e que cando un mira cara el sente o rumbo afouto que todos
teriamos que seguir en cada un dos nosos eidos de traballo, dende o bofacer ata
a honestidade e paixón polo que se fai; e o segundo deses protagonismos
fala dun libro de éxito, un deses textos que simbolizan unha narativa, xa non
só autoral, senón de conxunto de país, e así, a edición especial de ‘Cartas de
inverno’, conmemora os 100.000 exemplares vendidos situando a este texto nun
cumio ao que só chega ‘Memorias dun neno
labrego’. E isto son palabras maiores.
Pois, como no arrinque desta novela, con
ese sobre cheo de misteriosos fíos polos que tirar, «os fíos da vida» dos que
falaba Agustín Fernández Paz, bo coñecedor do tecido da vida, non deixan de ser
os mesmos dos que podermos tirar nun Culturgal cheo deles. Son os fíos que
compoñen a vida de moita xente adicada á facer cultura neste país: escritores,
músicos, libreiros, poetas, actores, cociñeiros, artistas plásticos, artesáns,
xestores, editores, institucións, xornalistas, deseñadores... e así unha morea
de profesións e profesionais que xeran unha arañeira da que poder sentirmos ben
ledos atrapados nela. Porque se algo distingue a un país é o afecto que este
pode amosar pola cultura, abofé que o derradeiro reduto para a nosa
reconversión moral como seres humanos cada vez máis ameazados neste ecosistema
brutal, onde se marxina ao home e á muller en beneficio dunhas instancias
insolidarias e que condean a todo o que teña que ver con ese espazo das
Humanidades, dende os estudos, o respecto, o apoio, a difusión, e ata a súa
consideración como parte daquilo que a eles máis lles gusta, a súa achega
económica.
Camiñar sobre esa alfombra laranxa,
percorrer os diferentes postos, conversar e coñecer o que fan os nosos
profesionais é rodearse de todos ese fíos para sentirmos máis fortes nun país
que precisa xente forte para seguir no vieiro do progreso. Outra desas facianas
sobranceiras na Feira é a do próximo protagonista do Día das Letras Galegas, Carlos
Casares, que no posto da súa querida editorial Galaxia, saúdanos con ese sorriso tan seu, case como se estivese
acariñando ao seu gato Samuel, para
convocarmos fronte ao gran alicerce deste Culturgal, a lingua, o fío común que
lle pon o lazo do agasallo a toda esta festa da cultura. Benvido sexas,
Culturgal! á Pontevedra do puntazo que un non se cansa de gabar polo que é, e
por ser a casa que de xeito anual se enche de cultura e de bos espíritos,
deixando as pantasmas pechadas noutras casas.
Publicado no Diario de Pontevedra 3/12/2016
Fotografía. Gonzalo García
Ningún comentario:
Publicar un comentario