Pois
xa está aquí, xa chegou o noso Entroido, o máis chulo de Galicia, un Entroido de tradicións
e tempos novos que fai dun papagaio un símbolo co que ninguén pode competir. Un
papagaio anarquista, como o Ravachol
que lle deu nome, e que foi quen de tolear ás fillas do mesmísimo Montero Ríos coa súa lingua
afiada, e que hoxe non deixaría a Urdangarin marchar impoluto a Suiza, sacaríalle os ollos co peteiro a
eses noxentos matamulleres e voaría alporizado ante o pretendido asolagamento
da Marea ao BNG de Pontevedra.
Daquela,
ningunha imaxe mellor que a do plumífero para anunciar o noso Entroido. O
difícil, claro está, e o cómo, aquilo que preocupa a todo creador, e por iso o
cartel do Entroido deste ano converteuse en todo un achado. Unha interpretación
de Ravachol que non deixa de sorprender, o que é sempre a premisa dun elemento
cunha forte carga simbólica. O tándem Kiko
da Silva e Din Matamoro compuxo
unha auténtica obra de arte de miga e anteface que, ademais de conter Entroido
e cidade, o fai dende un enorme talento. Iso acontece cando se xuntan dous ‘cráneos privilexiados’, que diría outro estatuario pontevedrés.
E é que moi mal se teñen que poñer as cousas cando se dan este tipo de
alianzas. Kiko da Silva tirou do pintor Din Matamoro para compoñer unha receita
de primeiro nivel, e que ademais ten unha forte compoñente artística xa que
encaixa na súa nova produción, a que camiña dende unha arte do cotiá, en
paralelo a súa pintura, sempre posuidora dunha fonda preocupación pola luz. Así
é como Din Matamoro amosa unha serie de imaxes que xorden desa cociña que se
está convertendo para o pintor nunha imprevisible paleta, na que, a partir de
diferentes ingredientes, conformar un prato, en primeiro lugar abraiante, e que
despois se converte nun canto á imaxinación e as posibilidades do artista para
reflectir unha nova realidade, neste caso, de algo que adoitamos desprezar. Así
é como as mondas dunha pera convértense nunha pomba, un allo nunha grúa ou unha
cebola nun coello. E agora tócalle ao Ravachol formar parte dese imaxinario a
partir de varios anaquiños de pan que, situados estratéxicamente, dánlle vida
ao noso querido papagaio.
Dá
deste xeito este cartel un paso adiante na propia historia do noso Entroido. Un
chanzo máis que reflicte o que é o seu grande éxito, o de manter o fío directo
coa tradición e cun ingrediente único, para reactivalo, dende unha mirada
moderna e chea de audacia. Ese é o camiño axeitado para seguir medrando dende
aquel primeiro Entroido de 1876 con Urco
e Teucro loitando no Lérez, as edicións de 1888 e 1900, o
pasamento do Ravachol en 1913, o subterfuxio das Festas de Primavera no franquismo, a recuperación do Entroido
na rúa en 1984, o Enterro de
Ravachol en 1985, o Concurso de
Murgas e, nos últimos anos, as mostras da Parodia e a Noite
Pirata, que non deixan de ser motivos para prolongar a festa, para seguir
facendo desta cidade territorio para a vida, o que é o bulir que se agocha tras
unha festa popular. Un sentido da vida que en Pontevedra faise cómplice da
propia cidade presentada como escenario e que nestas festas, como en moi
poucas, debido á prohibición durante moitos anos e ao seu encerro en diferentes
sociedades privadas, ten que facernos ter sempre presente a súa importancia
para facer do Entroido de Pontevedra unha das referencias na comarca e en
Galicia dun Carnaval urbano cheo de elementos propios.
Cada
vez que vexamos o atraínte cartel deste ano pensemos nas posibilidades desta
festa e en como as boas ideas o único que fan é acadar que medre a súa sona e o
seu potencial. Ese paxariño de miga de pan con ese chorriño de aceite tan
peregrino e tan ben colocadiño que ata o podería firmar o mesmo Pepe Solla é o mellor empurrón
para esta semana que gusta de voltear as cousas, de poñer todo patas arriba, o
que, con todas as noticias coas que nos enfrontamos estes últimos días, non
estaría de máis para gozar ao cen por cen para non tolear, para non vivir no
permanente cabreo no que semella se nos quere instalar neste comezo de ano.
Collan
careta e anteface e trouleen todo canto queiran, é tempo de rachar regras e,
sobre todo, de gozar dunhas festas cheas de historia e historias ás que agora
se lles engade un novo prato cheo de calidade.
Publicado no Diario de Pontevedra 26/02/2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario