venres, 24 de febreiro de 2017

Sés. O cantar da terra


O seu último disco sitúanos fronte a unha forza da terra. Un cantar telúrico no que se reflicte, a partir de diferentes ritmos, unhas letras de rebeldía e sobre todo de afouteza dende a condición de muller e de filla dunha terra na que non todo é tan fermoso como semella.


SÉS CÁNTALLE á terra a corazón aberto. As súas cancións, que dicir das súas interpretacións sobre os escenarios, son auténticos berros dirixidos cara ao enaltecemento dunha sociedade demasiado adormecida e fronte á que Sés adoita unha posición de combate, en definitiva, deOpoñerse á extinción, que é tal e como se titula o seu último traballo co que está percorrendo diferentes espazos dende a súa saída á rúa no mes de decembro.
Estamos todos de acordo en que non son bos tempos para o ser humano, para todo aquilo que teña que ver cos seus dereitos e coas súas cobizas, sempre ameazadas polos máis poderosos, por clases que teñen o dominio económico sendo uns poucos os que condicionan a vida de moitos millóns de persoas. Galicia sempre foi terra de asoballamento, de presións que deixaban oreladas peticións e necesidades dun pobo afastado dos lugares onde se fabrican os discursos dos poderosos. Sés ten este pano de fondo cada vez que compón as súas letras nas que se de algo non se afasta é da terra na que naceu, á que quere cantarlle a través da confianza nela mesma e nos seus. Así é como letra tras letra propón un momento de loita ou polo menos de tentar poñer ante nós unha situación fronte á que non deberíamos ser alleos. E a todo iso Sés engádelle a súa condición de muller, que isto é, lamentablemente, poñer todo o anterior á beira do abismo dunha sociedade secularmente mutiladora coa muller e cos seus dereitos e liberdades. 
Sés soubo dende o principio da súa carreira compoñer na súa figura ergueita ese orgulloso berrar tinxido de canto, o canto da terra que precisa de voces en carne viva na procura do verso preciso para facer unha canción, para riscar a alma. E se nos seus anteriores traballos Sés abraiou a moitos que tiñan a canción galega como algo case circunstancial, sen excesivas variacións entre os creadores nos seus diferentes estilos, ou polo menos sen a aparente transmisión dunha paixón precisa para afastarse de clixés. Sés converteuse nun illote entre a súa propia tempestade. O vendaval Sés fixo que as súas músicas, fincadas en tradicións musicais galegas collidas de moi diferentes ámbitos mesturasen –e que mestura!– con sons chegados das súas outras paixóns musicais, do mundo latino, de rocks de carreteira, de blues e cancións que xorden das entrañas, de Violeta Parra ou Chavela Vargas, que veñen ser o mesmo, pero con un océano polo medio. 
Condenada a ser libre, como dicía Sartre, Sés explora territorios a través de doce temas marcados por, como a mesma cantante escribe, "unha identidade que agoniza". Unha singularidade ameazada pola homoxeneidade, por ese axeonllar ao pequeno, por desfacerse do incómodo, de quen reclama a súa identidade como un permanente zunido na orella do poderoso. Social, económica e lingüisticamente Sés berra por seguir existindo, pola necesidade de ser quen é, e a obriga que temos de querernos, de querer o que somos, e iso o fai dende estas doce cancións que, como doce alalás, estouran fronte os cantís para reverberar ante nós. 
Xanelas para ver o mar, rebeldes estadeas, agarrarse á vida, baixar a lúa, a procura dun verso, a riqueza da humildade, ollos que relocen, a fondura da caricia, seguir andando, a necesidade de ser normal, a raíz rexa e a semente de vencer, vanse sucedendo, agromando no interior dunhas letras cheas de mensaxes que chegan ao público canalizadas pola súa afouteza que acada que esa mensaxe sexa de impacto. Outra das súas armas son esas letras que, como poemas, van do aloumiño ao berro, nun tránsito polo ser humano e a mantenza dese espírito de rebeldía. Un ton poético que Sés alimenta coas súas lecturas que son inspiracións para unha vida na que a maior inspiración xorde de abrir os ollos e mirar ao seu carón. Unha mirada que se pousa naqueles que, como micrófonos, convértense en altofalantes dunha realidade apegada á terra, á súa terra. A terra á que Sés lle canta.



Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda 19/02/2017
Fotografía David Freire


Ningún comentario:

Publicar un comentario