«-E
por que os ían face-los homes? Vaia solución.
-Pois
porque as mulleres andarían en traballos máis cualificados, nas profesións
liberais, na dirección de empresas, nas actividades artísticas, nas viaxes
longas, nos proxectos...»
[‘Anagnórise’
(1988).
Mª
Victoria Moreno ]
Nesta
semana tinxida de violeta non foron poucas as iniciativas ou os xestos que de
novo puxeron en valor ás mulleres, e aínda máis, as mulleres fronte á fenda que
teñen que superar no seu día a día respecto a unha sociedade esaxeradamente
masculinizada. Minoradas en infinidade de eidos do noso mundo fronte ao home, a
cor malva destes días ondeou como unha bandeira movida pola brisa da esperanza
e axitada polos refachos da coraxe por andar a estas alturas da película con
estas reinvindicacións que semellan propias de séculos pasados.
Hoxe
mesmo, na Librería Paz, terá lugar
outro deses axitar de bandeiras coa presentación na nosa cidade, Culturgal aparte, dunha colección de
libros dirixidos ao lector infantil, aínda que non só a el, que saen do prelo
da Editorial Urco baixo o título de
Mulleres bravas. Unhas publicacións nas que se fai unha escolma de mulleres que
amosaron a súa afouteza fronte á vida, ensarilladas pola lingua a unha terra da
que nunca se desfixeron é a que honraron ata as súas respectivas mortes. Polo
de agora son dous os títulos publicados, o primeiro inevitábelmente tiña que
estar adicado a Rosalía de Castro, a
pedra angular da historia da muller na sociedade galega, na que vida e poesía
compuxeron unha clara cerna reivindicativa que aínda hoxe é ronsel para moitas
outras mulleres. O segundo deles achégase moito máis aos nosos días e tamén a
nosa Pontevedra, a inesquecíbel María Victoria Moreno é a protagonista
dun deses libros que reluce como unha pequena xoia dende o que volver a
compartir tanto como nos deixou esta muller. Certamente o de brava encaixalle a
María Victoria Moreno perfectamente, ela que deseguida que aterrou en Galicia acolleu a nosa lingua como súa,
e non só iso, senón que fixo un primixenio apostolado dela, xa non só coa súa
fala, senón ensinándoa ou, como non, dende a escrita de numerosos libros cos
que engaiolar a miles de rapaces para facelos entrar, dende a educación e a
lectura, no territorio do galego. Libros que eran divertidos, cheos de
temáticas actuais e próximos a mocidade, con mulleres que os protagonizaban
dende unha cotidianeidade que viña a rachar con moitos dos estereotipos daquel
momento, e nos que sempre habían algunha mensaxe que pegar á pel, que levar ao
noso carón para sempre. Textos inagotábeis aos que un aínda se asoma hoxe coa emoción
de coller unha antiga edición dese Anagnórise que formou parte das nosas vidas
e na que se suceden os nomes de varios membros da familia que puxeron mans e
ollos sobre el. Un axóuxere doutro tempo coa forza suficiente para levarte a un
tempo de construción, de formación dun mesmo que nin siquera podía imaxinar
este hoxe que temos onde ás veces todo semella que está baleiro. Un tempo no
que, abofé, non confiabamos nin en nós mesmos, pero alí estaba María Victoria
Moreno. Ela xa o facía poñendo nas nosas mans moito do preciso para medrar coas
súas palabras e coas súas arelas: «As persoas estamos feitas para levar adiante
os soños máis fermosos», escribiu nese texto. Ela foi das primeiras en incluir
esas arelas nos plans de estudos, do mesmo xeito que fixo dos afectos manuais
para servir de alicerce a todos eses cativos que se proxectaron nela e dende
ela.
Como
muller brava, como heroína dunha vida na que sempre fuxiu de protagonismos,
precisaba tamén de actores secundarios. Alma,
a súa cadela, ou Teresita o seu
coche vermello, foron algúns deles. Pingas que compuxeron o océano da súa
personalidade no que, como vemos, aínda se botan barcos a navegar sabedores,
como sabemos moitos, que aínda se poden apañar moitos peixes.
Eli Ríos, que fixo o
texto deste libro, como María Lado
fixo o de Rosalía, xunto ás marabillosas ilustracións de Eva Agra en ambos, ou o traballo dende a editorial de Andrea Jamardo, son tamén mulleres
bravas que reivindican hoxe un traballo en feminino é unha mirada á realidade
cada vez máis necesaria. Cada un destes libros é un deses chanzos precisos para
seguir na liña do progreso, na do ascenso que as mulleres deben manter de
xeito firme para recortar esas diferenzas co home que, como crebas na nosa
sociedade, obríganos a un esforzo co que non contabamos e que probabelmente o
optimismo de María Victoria Moreno non contaba con andar aínda a voltas con iso
neste tempo. Tomar como exemplo a Rosalía de Castro ou a María Victoria Moreno
é un axeitado canon polo que seguir poñendo os pés sobre as súas pegadas, un
camiñar cheo de luzadas moradas. Unha cor de reivindicación para facer do berro
xuízo e razón que alumeou ao longo desta semana en rúas, institucións ou medios
de comunicación coa intención de facelo ao longo de todo o ano.
Hoxe,
entre os libros de Cano Paz,
proxectarase moito do que esas dúas mulleres fincaron en Galicia dende a
lingua, pero tamén dende o seu compromiso co ser humano. Un Vermú con libros que fará, dende as
12.30, que voltemos a mirada cara esas mulleres bravas da nosa historia.
Achéguense, non o pasarán mal, lembrando, e sobre todo coñecendo ao relevo nas
mulleres bravas desta terra que xa lles digo eu que pagan moito a pena, e ata
poden mercar un deses libriños para os seus cativos, estarán sementando
bravura, tamén conciencia, pero sobre todo futuro.
Publicado no Diario de Pontevedra 11/03/2017
Fotografía. María Victoria Moreno no 2003 (Gonzalo García)
Ningún comentario:
Publicar un comentario