xoves, 16 de marzo de 2017

Non deas a esquecemento


O ESQUECEMENTO é a última morte. Esta morte, a da memoria, a da dignidade de tantas vítimas, é a que tenta evitar Luís Bará cun longo traballo de fondo que vén facendo dende hai anos adicado á recuperación da memoria histórica e que agora obtén un novo froito coa publicación de Non des a esquecemento. Un arrepiante mollo de relatos que xorde do contacto coas familias da dor, de poñer os pés alí onde os mortos viviron e onde lles arrincaron as súas esperanzas dun mundo mellor ou, sen tantas pretensións, sinxelamente, abortando as súas irrenunciábeis arelas de ser felices cos seus.
Aínda ata hai ben pouco estas historias estaban escritas no silencio, chantadas portas adentro de casas nas que a represión da Guerra Civil do franquismo fixo o seu traballo, e fíxoo tan ben que oitenta anos despois aínda custa achegarse a todos aqueles feitos para destapar o pano do espanto que ensombreceu as vidas de tantas familias. Esas familias son as que olla en fite Luís Bará nun traballo convertido nunha odisea, ao achegarse á dor e ao arreguizo que non se poderán superar aínda que pasen centos de anos. Ben ao contrario, mover esas pedras do mal deixa unha lameira aínda fresca, unha dor que se converte para as familias en pantasmas que volven saír. Pesadelos que fan das súas confesións un acto de expiación íntimo que, ao fin e ao cabo, convértese nunha necesaria liberación. Elas estaban agardando a que alguén petase na porta, a que se escoitase o que tantos quixeron que fose silencio e esquecemento. Unha cuestión que debería xurdir dos propios organismos oficiais, das administracións, ausentes na reparación da ferida que aínda supura e que tantos desprezan como se iso formase parte dun pasado de séculos prehistóricos ou como se aínda non estivese presente en tantos afectados que mesmo nin poden poñerlle unhas flores aos seus, privados dun lugar no que facer que as súas bágoas sementen a terra pola que morreron. Eses mesmos erguen a bandeira da Transición como vademécum que todo o cura, como o apósito baixo o que todo se soluciona, sen entender que ese emplasto xa non serve ao despegarse dunha pel que deixou de estar infecta para precisar aire limpo, un aire novo que recupere as súas vidas.
Ogallá que o libro, presentado no Museo de Pontevedra e que posteriormente terá presentacións en diferentes puntos de Galicia, sirva para que continúen agromando esas voces, transformando os silencios de pedra, que tanto custa mover, e que abofé están moi presentes en tantas xeografías da nosa comunidade, na que a represión, sen guerras, sen trincheiras, acadou unha especial virulencia dende a noite, dende a escuridade dos covardes que facían dos paseos ou dos fondeamentos un xeito de desaparición do que só quedaba a pegada da ausencia. Os cinco capítulos do libro sinalan cinco aspectos esenciais desa represión. Memoria de Vilaboa, a terra do autor e onde se deu conta de que existía ao seu arredor un espazo mudo de historias agochadas que había que rescatar como unha débeda coa sociedade; ‘O ronsel das silenciadas’, as mulleres como vítimas da dor inesgotábel da morte dos seus fillos e homes, sufrindo durante décadas, sinaladas para sempre ante a comunidade e que Montse Fajardo converteu en Un cesto de mazás, título doutro libro imprescindíbel da memoria; Memorial de San Simón, os espazos da reclusión e, neste caso, cando a beleza se volve horror; Das casas refuxio, o risco da solidariedade cos fuxidos, e Era a historia da noite, cando a ría de Vigo se converteu nunha gran foxa común.Luís Bará non é historiador, é filólogo e político, e a súa ferramenta de traballo é a oralidade, as narracións daqueles que viron como mataban a seus pais, como as súas nais e mulleres eran marcadas de por vida, xa non só sobre a súa pel sendo violadas, rapadas ou gravadas na fronte, senón na alma. Esa escrita da oralidade convértese en emoción continua, en tinta negra, e ben negra, na que nin nos brancos do folio un ten acougo. Só a condición ética (si, estoulles falando dun político) permite coller osíxeno para reivindicar aqueles ideais dos que morreron, pero tamén como base para a reconstrución dunha sociedade actual que sexa mellor, e aí aínda queda moito por facer, pero poucos chanzos máis firmes que os que emerxen deste proxecto admirábel.
Historias obrigadas que nos poñen un nudo na gorxa. Miradas afoutas cara á dignidade, como a de Cinta Rey, a nai do fusilado Víctor Casas, acariñando o piñeiro no que morreu o seu fillo, mirando á cámara que suxeitaba Amalia Álvarez, a viúva de Alexandre Bóveda. Historias... historias que nunca teñen que quedar no esquecemento. É a nosa obriga.





Publicado no Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo 15/03/2016. Fotografía: Cinta Rey retratada por Amalia Álvarez no piñeiro da Caeira onde fusilaron o seu fillo Víctor Casas (Arquivo da familia) 

Ningún comentario:

Publicar un comentario