luns, 6 de marzo de 2017

Unha lección de imaxinación

Rue Saint-Antoine nº 170
Teatro. A despedida do ciclo Domingos do Principal deixounos o ronsel da balea branca. ‘Moby Dick’, o mítico relato de Herman Melville, adaptado para todos os públicos pola prestixiosa compañía ‘Teatro Gorakada’, amosou un abraiante espectáculo visual e literario que reflicte como os grandes textos da literatura teñen acomodo nos cativos.


A historia da balea branca pasou onte por Pontevedra. O desexo de vinganza do capitán Ahab, a súa obstinación por cazar a Moby Dick, a amizade entre os mariñeiros, as decisións que poñen en perigo aos demáis, o desexo de aventuras... todo iso é Moby Dick, e moito máis. Pero Teatro Gorakada ben sabe que ese moito máis é como meterse no océano a capturar a propia balea branca da interpretación, xa que os cativos, aos que vai dirixida esta adaptación, naufragarían ante unha empresa tan descomunal. Pero a condensación da novela de Herman Melville é tan axeitada que resume moitos dos seus aspectos esenciais amosándoos dunha maneira distendida para que unha hora de representación pase voando.
Todo é sorprendente no traballo desta compañía, dende o seu propio traballo actoral, o desenvolvemento da música, a importancia dos obxectos, o humor, os sons, a iluminación...todo xoga a favor de obra nesta travesía na que o espectador non pecha a boca durante a súa duración. Un deses espectáculos que respaldan ao teatro, non só como gran contador de historias, senón que amosa a súa utilidade para trasladar aos máis pequenos textos clave da literatura universal sen darlle as costas as súas esencias e poñendo ante os seus ollos un auténtico espectáculo entretido e a pouco que os pais completen a narración, dunha fonda utilidade para todos eles.
Herman Melville publica Moby Dick (na súa primeira edición titulábase ‘A balea’), en 1851, unha novela na que se mesturaban experiencias persoais das súas viaxes con noticias sobre a caza de baleas e, neste caso, a dun cachalote branco que se enfrontaba aos seus cazadores. Así construiu unha das novelas máis importantes da literatura universal na que se agochan moitas cuestións referidas á relixión, a política, á conducta do ser humano, convertendo ao Pequod nun tubo de ensaio dende o que achegarse ao home e a moitos dos seus comportamentos. Non é, polo tanto, unha aposta sinxela a desta compañía vasca a de adaptar o relato nunha representación dirixida a nenos maiores de seis anos, pero á vista do resultado un non pode menos que aplaudir ata botar fume coas palmas por cómo se consigue reflectir todo ese universo. Un traballo fiel ao espírito da novela e que se detén nos episodios centrais do relato: A chegada de Ismael á pousada, a contratación da tripulación, a historia que se agocha trala perda da perna do capitán Ahab, a procura das baleas, a obstinación do capitán, e a loita final con Moby Dick. E para todo isto Teatro Gorakada precisa de cinco actores, unha corda, un par de madeiras, un cubo de latón, un barril de chapa, dous instrumentos musicais, un pouco de auga e unha caveira, todo iso compleméntase coa escuridade e a luz para conformar un escenario cheo de maxia para o espectador, no que os actores móvense nunha coreografía perfectamente artellada e polo que entre as sombras do relato emerxe o emprego de humor para conectar co espectador, para facer do riso unha ferramente intelixente fronte aos desvaríos dun capitán egoísta que polo seu propio desexo de vinganza é quen de arrastrar, dende a súa loucura, á morte a vida doutras persoas. Ese riso ensarilla o texto clásico con algunhas trasnadas dos actores, chiscadelas con músicas, ou expresións do presente e que conectan moi ben cos nenos. É o lado amable dunha representación na que o aspecto musical tamén é fundamental, concedéndolle gran vivacidade a todos os momentos e formando parte do propio relato. Ata os obxectos son música, os seus golpes así como os sons dos actores imitando diferentes sons da natureza envolven todo o devir da función na que unha e outra vez o público sorpréndese por cómo se consegue materializar os diferentes escenarios: a pousada, o Pequod, a propia balea... só movendo unha serie de obxectos. Un milagre de vida que evidencia ao teatro como unha ilusión que cando se afronta con calidade ten pouco parangón con outras artes.
Moby Dick pasou por Pontevedra e deixou o seu ronsel nun Teatro Principal cuxas táboas quedaron molladas. Sobre elas volveuse a reflectir a loita do ser humano contra o seu destino e como certas teimas pódennos levar ao desastre. Onte o desastre mudou en caras de ledicia, en xestos de felicidade por uns nenos e uns pais que volveron a mergullarse nunha novela xigante e á que ogallá moitos lles entrasen as gañas ao chegar a casa de coller o libro entre as súas mans para seguir completando  o visto no Teatro Principal. O certo é que o de onte foi un broche de ouro para un ciclo, Domingos do Principal, que é unha beizón para esta cidade. Compañías dunha gran calidade e que dende Galicia e de outros puntos do Estado traen os seus traballos para amosar como o teatro é unha fonte inesgotable de cultura, pero tamén de sensacións que pouco a pouco van enchoupando a cada vez máis fieis que enchen as butacas para non perderse nin unha soa función.
Por alí resopra! Un chorro de vapor saía das entrañas da besta. O aviso de que home e natureza seguían co seu ritual ancestral pero neste caso fronte a uns espectadores aos que se lles deu a mellor lección que se lles pode dar: a lección da imaxinación.




 Publicado en Diario de Pontevedra 6/03/2017
Fotografía. Laura García

Ningún comentario:

Publicar un comentario