Rue Saint-Antoine nº 170
Teatro. A
despedida do ciclo Domingos do Principal deixounos o ronsel da balea
branca. ‘Moby Dick’, o mítico relato de Herman Melville,
adaptado para todos os públicos pola prestixiosa compañía ‘Teatro
Gorakada’, amosou un abraiante espectáculo visual e literario que
reflicte como os grandes textos da literatura teñen acomodo nos
cativos.
A historia da balea
branca pasou onte por Pontevedra. O desexo de vinganza do capitán
Ahab, a súa obstinación por cazar a Moby Dick, a amizade entre os
mariñeiros, as decisións que poñen en perigo aos demáis, o desexo
de aventuras... todo iso é Moby Dick, e moito máis. Pero Teatro
Gorakada ben sabe que ese moito máis é como meterse no océano a
capturar a propia balea branca da interpretación, xa que os cativos,
aos que vai dirixida esta adaptación, naufragarían ante unha
empresa tan descomunal. Pero a condensación da novela de Herman
Melville é tan axeitada que resume moitos dos seus aspectos
esenciais amosándoos dunha maneira distendida para que unha hora de
representación pase voando.
Todo é sorprendente no
traballo desta compañía, dende o seu propio traballo actoral, o
desenvolvemento da música, a importancia dos obxectos, o humor, os
sons, a iluminación...todo xoga a favor de obra nesta travesía na
que o espectador non pecha a boca durante a súa duración. Un deses
espectáculos que respaldan ao teatro, non só como gran contador de
historias, senón que amosa a súa utilidade para trasladar aos máis
pequenos textos clave da literatura universal sen darlle as costas as
súas esencias e poñendo ante os seus ollos un auténtico
espectáculo entretido e a pouco que os pais completen a narración,
dunha fonda utilidade para todos eles.
Herman Melville publica
Moby Dick (na súa primeira edición titulábase ‘A balea’), en
1851, unha novela na que se mesturaban experiencias persoais das súas
viaxes con noticias sobre a caza de baleas e, neste caso, a dun
cachalote branco que se enfrontaba aos seus cazadores. Así construiu
unha das novelas máis importantes da literatura universal na que se
agochan moitas cuestións referidas á relixión, a política, á
conducta do ser humano, convertendo ao Pequod nun tubo de ensaio
dende o que achegarse ao home e a moitos dos seus comportamentos. Non
é, polo tanto, unha aposta sinxela a desta compañía vasca a de
adaptar o relato nunha representación dirixida a nenos maiores de
seis anos, pero á vista do resultado un non pode menos que aplaudir
ata botar fume coas palmas por cómo se consigue reflectir todo ese
universo. Un traballo fiel ao espírito da novela e que se detén nos
episodios centrais do relato: A chegada de Ismael á pousada, a
contratación da tripulación, a historia que se agocha trala perda
da perna do capitán Ahab, a procura das baleas, a obstinación do
capitán, e a loita final con Moby Dick. E para todo isto Teatro
Gorakada precisa de cinco actores, unha corda, un par de madeiras, un
cubo de latón, un barril de chapa, dous instrumentos musicais, un
pouco de auga e unha caveira, todo iso compleméntase coa escuridade
e a luz para conformar un escenario cheo de maxia para o espectador,
no que os actores móvense nunha coreografía perfectamente artellada
e polo que entre as sombras do relato emerxe o emprego de humor para
conectar co espectador, para facer do riso unha ferramente
intelixente fronte aos desvaríos dun capitán egoísta que polo seu
propio desexo de vinganza é quen de arrastrar, dende a súa loucura,
á morte a vida doutras persoas. Ese riso ensarilla o texto clásico
con algunhas trasnadas dos actores, chiscadelas con músicas, ou
expresións do presente e que conectan moi ben cos nenos. É o lado
amable dunha representación na que o aspecto musical tamén é
fundamental, concedéndolle gran vivacidade a todos os momentos e
formando parte do propio relato. Ata os obxectos son música, os seus
golpes así como os sons dos actores imitando diferentes sons da
natureza envolven todo o devir da función na que unha e outra vez o
público sorpréndese por cómo se consegue materializar os
diferentes escenarios: a pousada, o Pequod, a propia balea... só
movendo unha serie de obxectos. Un milagre de vida que evidencia ao
teatro como unha ilusión que cando se afronta con calidade ten pouco
parangón con outras artes.
Moby Dick pasou por
Pontevedra e deixou o seu ronsel nun Teatro Principal cuxas táboas
quedaron molladas. Sobre elas volveuse a reflectir a loita do ser
humano contra o seu destino e como certas teimas pódennos levar ao
desastre. Onte o desastre mudou en caras de ledicia, en xestos de
felicidade por uns nenos e uns pais que volveron a mergullarse nunha
novela xigante e á que ogallá moitos lles entrasen as gañas ao
chegar a casa de coller o libro entre as súas mans para seguir
completando o visto no Teatro Principal. O certo é que o de
onte foi un broche de ouro para un ciclo, Domingos do Principal, que
é unha beizón para esta cidade. Compañías dunha gran calidade e
que dende Galicia e de outros puntos do Estado traen os seus
traballos para amosar como o teatro é unha fonte inesgotable de
cultura, pero tamén de sensacións que pouco a pouco van enchoupando
a cada vez máis fieis que enchen as butacas para non perderse nin
unha soa función.
Por alí resopra! Un
chorro de vapor saía das entrañas da besta. O aviso de que home e
natureza seguían co seu ritual ancestral pero neste caso fronte a
uns espectadores aos que se lles deu a mellor lección que se lles
pode dar: a lección da imaxinación.
Publicado en Diario de Pontevedra 6/03/2017
Fotografía. Laura García
Ningún comentario:
Publicar un comentario