mércores, 17 de maio de 2017

Afouteza. Onte, hoxe, mañá.


Poucas veces soou tanto unha palabra en Galicia como a pasada semana, con esa afouteza elixida como símbolo de resistencia pola afección do Celta. Afouteza soando dende a rúa do Príncipe ata os platós de televisións madrileños ou no mesmísimo Old Trafford. A cidade de Vigo enchoupada en carteis e bandeirolas coa palabra máxica, políticos facendo dese impacto público ingrediente dos seus discursos, cativos nos colexios coa boca chea de afouteza... En definitiva, a lingua galega como parte dunha identidade de dentro e de fóra que é quen de invadir a toda a nosa sociedade.
No Día das Letras Galegas, un dos poucos do ano nos que se pensa sobre o noso idioma e as súas posibilidades, urxencias e derivas, un non pode deixar de envidiar o fútbol pola capacidade que ten de infiltrarse na sociedade, de asolagar territorios que van dende o físico ata as sensacións máis primarias do ser humano, o que me leva a pensar en por que non tomalo de modelo, na súa vertente da difusión masiva, como mostra de parte do camiño que as institucións responsábeis deberían afrontar para poñer en valor o galego, non tanto o dirixido ás elites como o do día a día, un labor que é como regar un xardín no que enxergar palabras no léxico da xente de a pé (cantos non saberían da existencia desa fermosa palabra ata que Celta e Manchester cruzaron os seus camiños), tamén a visualización diaria do emprego do galego con orgullo, sen medos, sen vergoñas. Ver esa palabra pendurada polas rúas e prazas da cidade máis grande de Galicia ou protagonizando grandes titulares nos medios de comunicación é a proba do necesario dese investimento, do retorno que tería nunha poboación desorientada co uso do galego e á que pouco se lle axuda para reafirmarse dende o seu emprego fronte á apisoadora do castelán.
Quixo o destino que outra apisoadora atracase neste día en Vigo. O partido aprazado polo temporal ante o Real Madrid terá hoxe a súa resolución e tamén a da propia Liga. Aquela suspensión amosou unha certa afouteza antes de que o propio Celta se abrazase a esa palabra semanas despois, fronte ao autoritarismo que amosaron o equipo branco e o seu presidente, Florentino Pérez, que xa tiña unha das súas brigadas de obras e contratas preparada para ensinarnos aos galegos cómo se arranxaba en poucas horas o problema das cubertas de Balaídos. O Celta resistiu, non escoitou os cantos de serea dende a capital, e abofé que esa resistencia fronte á prepotencia sumarase hoxe no céspede ás ganas dos xogadores de agradecerlle á súa afección o fermosísimo exemplo que deron tras o partido do Manchester, que supuxo a su eliminación da Europa League, pero que renovou o compromiso de xogadores e club con esa palabra galega como fío.
Hoxe volverá ser un día de afouteza, como o foi onte fronte o equipo de Mourinho, pero como tamén o debería ser mañá para unha lingua á que hai que axudar para que se converta en semente. Todos os cartos (desgraciadamente nisto hai moito de investimento económico, ademais de sensibilidade a aplicar na sociedade e no sistema educativo) empregados dende Vigo para simbolizar nunha soa palabra o sentimento celeste serviron como poucas medidas adoptadas ata agora para xuntar aos seareiros co seu equipo, e tamén un pouquiño ao resto da sociedade co galego. Unha iniciativa que tería que motivar a reacción das institucións encargadas de coidar do noso idioma. A propia Real Academia Galega ten a proba dese éxito na súa páxina web, ao ser a palabra afouteza a que lidera a listaxe das máis consultadas no seu dicionario dixital, o que tamén debería motivar ao Goberno da Xunta de cara a facer unha aposta máis decidida polo emprego do galego dende aquelas canles  que son as que lle fan chegar o que acontece na sociedade aos cidadáns. Dende a escola á edición de libros, pasando polos medios de comunicación, o deporte, a empresa... pero sobre todo hai que pousarse nas rúas e beirarrúas, por onde pisa a xente do común, cun fomento máis imaxinativo do que se ten feito ata o momento, sempre demasiado institucional e afastado do pobo, o que podería acadar uns resultados mellores.
Se unha soa palabra fixo o que fixo dende o fútbol, canto se podería facer ao longo de todo un territorio cunha boa campaña de visibilidade do idioma? Unha afouteza que se tería que trasladar a toda Galicia como evidencia do compromiso dos seus gobernantes co galego. Lingua que ten que ser un xeito de respirar e que nestes momentos precisa de respiración asistida. Uns novos folgos que o fútbol semellou atopar de xeito inesperado a través da imaxe, da afouteza necesaria, onte, hoxe e mañá, para o Celta, pero tamén para a lingua galega.



Publicado no Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo 17/05/2017
Fotografía: Futura sede del Celta en la calle Príncipe. (R. Sazor)

Ningún comentario:

Publicar un comentario