mércores, 17 de maio de 2017

Entre o vento ferido e o gato Samuel caeu unha mazá



Aínda non sei se é certo ou é un deses contos que tan ben narraba o bo de Carlos Casares. Conto amargo e cheo de tristura, e ese non era o seu estilo, o del era o conto que xorde do máis sinxelo, do casual, daquilo ao que ninguén lle daba importancia, entón el era quen de artellar un relato co que enseguida te sentías cómplice. Pouco importaba se falaba dunha mazá, do seu gato Samuel, dos seus treneciños ou da súa colección de aparellos de fotografar. A súa capacidade para facer grande o máis pequeño é o meu xuízo o máis engaiolante da súa produción literaria e, máis aínda, da súa articulística, da que no noso país era, sen dúbida algunha, o mellor.

Este principiño da literatura –a súa colección de edicións en diferentes linguas dese fetiche seu que era O Principiño de Saint-Exupery é extraordinaria- marchou na noite, no medio dun vento ferido e sen facer barullo, despois dunha xuntanza con moitos dos seus amigos e abofé, despois dunha tertulia da que non imos ter ningunha crónica. Con nós quedará sempre o recordó da súa humana timidez que me fai lembrar cando me acheguei a el na Facultade de Xeografía e Historia para felicítalo polos seus escritos e como baixou a cabeza rexeitando o agasallo do que logo se gababa diante da folla. Seguramente collería de mellor agrado unha bolsa cun molete de pan. E tamén debor recordar, no nome dun grupo de rapaces recén licenciados en Arte a súa inmensa xenerosidade ao apostar por todos eles dende a Editorial Galaxia, e así facer realidade a creación dunha revista crítica artística chamada Interesarte, algo que para os que comezamos no eido da reflexión artística nunca será de todo agradecido.


Publicado no Diario de Pontevedra o 11/03/2002. Un día despois do funeral de Carlos Casares.

Ningún comentario:

Publicar un comentario