luns, 8 de maio de 2017

No remate da tinta

Isaac Xubín vén de acadar o premio Nacional da Crítica pola súa novela 'Non hai outro camiño', un galardón que coicide coa saída do prelo do poemario gañador do V Premio Manuel Lueiro Rey, merecementos que confirman a súa leda diversidade no terreo da escrita



NO REMATE da tinta rexistramos o baleiro. O medo que pode amosar calquera escritor á hora de sentir que non ten nada que contar ou, peor aínda, ter que contar pero coa eiva de non atopar o camiño para facelo, para rexistrar, no gume da palabra, a incertidume dese tránsito do real á escrita. Porque ao fin e ao cabo todo este poemario é unha escolla por facer das súas páxinas compás, un percorrido polo cerimonial da vida, dende o que achegarse a novas realidades, a novos corpos, a novas necesidades. Isto é, trabar a permanencia na tribo. O plantexar dos límites do ser fronte á comunidade. 
Isaac Xubín artella con A cadencia da fractura (editorial Xerais), un poemario inxerido de referencias a autores das máis diversas linguas. Unha torre de Babel dende a que propoñer un discurso da percepción que acubilla en cada poema un rexistro diferente do home. Baleiros que se enchen, cotobelos que sangran, bibliotecas como berce, o miolo branco acabado de facer... sensacións que a viaxe da nosa existencia estableceu como partes da navegación. Palabras e vibracións enguedelladas cunha fonda mestría, coa abraiante percepción por parte do lector de achegarse a unha terra por descubrir na exploración dun territorio de léxico amplo que fai da liña do horizonte arame sobre o que moverse.
Unha fronteira na que plantexar a fuxida dende o cruzar dos ríos como correntes de vida que atravesar para ver as flores ao outro lado. Unha rexeneración do cotiá na que Isaac Xubín agroma o seu eu na colleita dunha existencia tinxida da experiencia, de dores e descubertas, de liturxias e de liberdades na procura dun mesmo. Do irrenunciábel sentir do ser humano como feito que sucumbe nas ondas da memoria. Liñas dun sismógrafo que miden, que cotexan, que rexistran latexos que nestas páxinas teñen como balanza a palabra. Alí onde todo cabe, onde todo atopa a cerna da súa intensidade máxima na procura desa fractura na que quedamos espidos: "Ese punto en que rompemos o equilibrio e realmente decidimos se seremos quen ou non", esta frase, parte do derradeiro poema do libro, abre a fenda para situar todo o lido con anterioridade, sublimado neste intre como o sentido máximo da viaxe, a comprensión consciente dos nosos movementos ao longo do camiño que será a que nos leve á ponderación dos nosos seguintes pasos. 
O poemario vén de acadar o premio Manuel Lueiro Rey, nome de poeta que tamén camiñou no arame do equilibrio humano, e que ademais do seu valor per se vén confirmar a afouteza da creación literaria de Isaac Xubín. A súa primeira novela, Non hai outro camiño, acadou o premio da Crítica e, na próxima Gala do Libro Galego, tamén está nominado á mellor novela, ao tempo que o autor concorre con outra nominación á mellor tradución, coa realizada de A boca pobre de Flann O'Brienn, compoñendo así unha das personalidades máis interesantes da nosa paisaxe literaria polos diferentes territorios nos que se move Isaac Xubín e sempre cun alto nivel de esixencia.

Retornemos á poesía, "as cousas todas que levamos dentro" e que serve de maceira pola que gabear para probar os froitos do que somos. Sabores, tensións, olfactos que nos falan, certamente da nosa esencia, daquilo en que nos convertemos ao longo do tempo, dende o berce ata a nosa morte, no camiñar polo territorio da vida no que sempre queda lugar para o achádego, para esa descuberta que nos faga entender o que somos. Precisamente para iso é para o que mellor serve a poesía, sempre na procura da tensión precisa para tentar que o noso paso sobre esa fractura deixe o pouso preciso na fenda íntima á que tanto custa asomarse. A mesma que Isaac Xubín sutura dende a poesía, dende a diversidade da acción terapéutica da palabra.

Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 30/04/2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario