mércores, 24 de maio de 2017

Valente en galego


A publicación pola editorial Ouvirmos da poesía en galego de José Ángel Valente enfróntanos a unha poesía con fondas raíces no cancioneiro medieval galego, pero que tamén se achega á vangarda dos nosos poetas para erixirse coa habitual afouteza do escritor ourensán.


TRADUTOR de idiomas como o francés, italiano, inglés ou alemán en organismos como a Organización Mundial da Saúde ou a Unesco, labor que ía en paralelo coas súas achegas poéticas, José Ángel Valente non renunciou ao galego para escribir a súa poesía. Ben certo que en cantidade inmensamente menor ao castelán, idioma que, seguindo as directrices de Rafael Dieste, foi o que o escolleu a el para escribir a súa obra. Datos como este e outros moitos ben interesantes son os que flanquean a compilación da súa poesía en galego, editada polo director da cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela, Claudio Rodríguez Fer. Un traballo cheo de ledicia polo que ten de acubillarse na voz dun dos mellores poetas da historia, e por comprobar como o galego non lle resultaba alleo.
Un galego que podemos entender como a famosa paxariña da Cantiga CIII de Afonso X O Sabio, na que se fixou o poeta ourensán, se pousamos a nosa mirada naquela primeira poesía case que contestataria co franquismo ao publicala en galego en 1947 no compostelán diario La Noche. Aquel poema era un horizonte atlántico do finis terrae que falaba dese mar no que todo remata, pero no que sen embargo todo comeza. Ese azul, eses ollos romeiros, esa boca chea de sal durmiu como o San Ero trescentos anos ata que o cantar da paxariña espertou o santo. Así foi cando José Ángel Valente voltou a atoparse escribindo en galego inspirado polo Día das Letras Galegas adicado o rei escritor no que participou cunha conferencia en 1980. Un ano despois Ediciós do Castro publicaba Sete cántigas de alén que tería sucesivas ampliacións no seu número nos anos 1987, 1989 e 1996 con prólogos do tamén poeta Claudio Rodríguez Fer, primeira autoridade ao respecto da súa obra.
Agora a editorial Ouvirmos achéganos todo ese cancioneiro, porque así o temos que entender, e no que se inclúe algunha sorpresa a maiores, como unha nova poesía, Na mar de Vigo, que nos volve mergullar no noso mar, nesa ría de Vigo na que o poeta descubriu a catarse de enfrontarse ao mar por primeira vez. Nesa poesía volve a asomar a paxariña, convertida na memoria daquel neno cuxos ollos se prolongaron polo horizonte infindo. Alí tiña que ser, onde Galicia fixo da súa literatura medieval envexa doutras literaturas, onde os Mendinho, Johan de Cangas e Martín Códax, fundaron unha lírica de seu que lle interesou moito a José Ángel Valente para case refundala dende unha óptica de modernidade. É aí cando asoman polasCantigas de alén de Valente os nomes dos Manoel Antonio, Luis Pimentel ou Rafael Dieste, pero tamén outros nomes que pon sobre a mesa no exemplar prólogo desta edición Rodríguez Fer, como Halley, Blok ou Beckett.
O certo é o gozoso da lectura deste poemario, a súa edición en Galicia, o poder pasar as páxinas independentes das escolmas de José Ángel Valente como a monumental Poesía completa feita por Galaxia Gutenberg, na que estas Cantigas de alén eran case un apéndice no estertor do remate da vida. O tempo, a memoria, os seráns, as luces, a seitura, as verbas, os camiños, o aire ou os beizos dotan o poemario dunha fonda galeguidade, dun latexo que engaiola o lector pese a non manexar as moitas e moi cultas compoñentes que un poeta da calidade e coñecementos de José Ángel Valente podía integrar nas súas composicións. Pero todo este poemario está vivo, tan vivo, que todo iso se disolve entre as brumas, entre a radical afouteza dos textos que compoñen a terceira parte do poemario no que o autor escribe dos recordos da infancia, dos roxos acollidos no mosteiro de Oseira, dos mortos nas cunetas, da "soidade no ar", pero tamén do "alén das máscaras", ou da "tristura morna". Palabras escritas lonxe de Galicia, pero palabras que nunca estiveron tan cerca da cerna desta terra na que naceu un poeta universal.


Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo. 14/05/2016

Ningún comentario:

Publicar un comentario