luns, 12 de xuño de 2017

Caruncho. A tempo completo


A primeira exposición antolóxica tralo seu pasamento amosa a un creador total, que fixo da súa obra unha loita contra o paso do tempo que tanto lle gustaba aproveitar. As súas achegas constructivistas fan da súa obra unha das máis poderosas nese terreo.

  
O QUE ÍA ser unha exposición retrospectiva o destino quixo que se convertese nunha antolóxica. A morte do pintor e xestor cultural Luis Caruncho (A Coruña, 1929-Madrid, 2016) mudou o xeito inicial de achegarse a súa obra por parte do comisario, Miguel Fernández-Cid, quen se viu fronte ao abismo que supón realizar a primeira exposición dalguén despois da súa morte. Este feito, que pode semellar anecdótico, ten unha gran importancia, xa que a partir de cómo se propoña esta mostra, as que veñan detrás poden estar viciadas pola visión que aquí se asente. O bo facer do comisario, a entrega da viúva e albacea da súa obra, Tatiana Ribic, e a habitual eficacia do Museo de Pontevedra, fan desta exposición o mellor primeiro chanzo imaxinábel no que abofé será unha escalada de achegamentos á obra dun pintor non demasiado coñecido, sobre todo no que se refire ao conxunto da súa obra. Se ben momentos puntuais da súa traxectoria si que foron ben analizados, a visión de conxunto que aquí se amosa, con moitas pezas da súa propia colección e nunca exhibidas en público, permite facer o axeitado recoñecemento desa evolución que todo artista ten pero que non demasiadas veces se pode sinalizar convincentemente.
A disposición dos espazos que compoñen a mostra déixanos abraiados nun primeiro lugar pola súa asimilación das compoñentes cubistas procedentes de Francia. A pegada recoñecible de Juan Gris, o interese polo bodegón, do que pouco a pouco as formas iranse desintegrando, aillándose do conxunto para revelarse como sinais de tempos futuros. É emocionante esta lóxica, a de atoparnos xeometrías dos anos cincoenta que trinta ou corenta anos despois asoman noutros cadros radicalmente diferentes pero que converxen nesa lóxica interior tan presente no quefacer de Luis Caruncho.
Esa dialéctica da forma parisina tamén fai do collage un elemento senlleiro que, do mesmo xeito que a xeometría, tomará protagonismo co tempo a través dunhas pezas marabillosas, repletas de elegancia no seu deseño e de estudada sinxeleza. Son as súas Composicións dos primeiros anos sesenta, cartóns que serven de superficie para a experimentación e para intuir o arrinque da súa gran achega artística á historia da arte en España, a súa faciana construtivista. Territorio que de maneira metódica e pausada foi conquistando, con algunhas cumes sobresaíntes, como unhas pezas de arte cinético infrecuentes en España e que amosan a súa teimosía e capacidade para conquistar ilusións dentro do cadro.
Se algo lle preocupaba a Luis Caruncho era "non perder o tempo", como afirmou a súa viúva no acto de presentación da exposición. A vista desta mostra está ben claro que non foi así. Non é fácil atoparse unha contundencia tan lóxica ao longo dos anos dun artista como a que aquí nos atopamos. Cada novo espazo xorde do anterior e nos anuncia o seguinte. O tempo non foi ermo para Luis Caruncho que ademais sempre tivo outra faciana que debe ser salientable neste momento como foi a de impulsor de proxectos culturais. Espazos como o Centro Cultural Conde Duque de Madrid, que o vindeiro ano lle adicará unha exposición, ou o coruñés Macuf medraron ao seu acubillo. Pero tamén foron moitos os artistas aos que Luis Caruncho ofreceu a súa amizade para darlles un empurrón as súas carreiras. Moitas daquelas exposicións por el dirixidas foron e son un referente, non só polo seu valor per se senón polos materiais que as acompañaban, como por exemplo fermosos e modernos catálogos, algúns dos cales podemos visualizar nesta mostra.
Luis Caruncho fixo da súa vida parte da súa obra, un labor a tempo completo que agora podemos percorrer a través das súas pezas. Pinturas, collages, esculturas... que pouco a pouco redimensionan a un creador que comezou pintándose a si mesmo, tamén unha Torre de Hércules, xeografía prismática que, dende a infancia, se converteu en icona para debullar un oficio que se moveu con honra entre o artesanal e o intelectual. Unha mestura que non deixou de medrar nas súas obras ata que esa Torre de Hércules se converteu no derradeiro faro que alumeou cando o tempo dixo que era o final. E a luz apagouse.




Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 4/06/2017
Fotografía: Javier Cervera-Mercadillo

Ningún comentario:

Publicar un comentario