A mostra que á
artista ucraína Sonia Delaunay se lle adica no Museo Thyssen permite
a descuberta dunha artista global que fundiu a moda coa pintura dun
xeito anovador. Tamén reflicte o seu interesante paso por Madrid
durante varios anos cheos de atractivos proxectos.
VISITAR UNHA exposición
no Museo Thyssen convértese en toda unha descuberta. Nun feliz
achegamento a algún rexistro da arte tratado sempre dun xeito
renovador e diferente. Tanto pola temática que se elixe, como, sobre
todo, pola vertente sempre didáctica e anovadora que se escolle
xunto as súas acaídas montaxes, achegarse ás exposicións
temporais que organiza o museo madrileño sempre deixa unha saborosa
lembranza que se prolonga no tempo.
Deste xeito é do que
nos podemos achegar á mostra que ata o 15 de outubro pódese ver na
pinacoteca adicada a Sonia Delaunay. Hai teñen o primeiro éxito, a
escolla da artista, dunha muller á que nunca se lle adicou unha
exposición individual, sí ao carón do seu marido o tamén artista,
Robert Delaunay. E é que a exposición se algo reflicte é o enorme
potencial creativo desta muller nun deses tempos eternos nos que as
mulleres neste ámbito eran poucas, ou polo menos a historiografía
máis oficial fixo que poucas delas fosen ben coñecidas. O segundo
suceso é o tratamento que se fai da súa obra, orientado máis aló
da súa faceta pictórica, pola que é máis coñecida, dirixíndose
ata un territorio no que foi unha auténtica pioneira, como o do
deseño artístico e a moda, ademáis de concentrar a exposición nun
periodo fundamental para o seu desenvolvemento creativo e que tamén
significou un dos aspectos máis descoñecidos na nosa arte, como foi
a súa estancia en Madrid entre 1917 e 1921, anos nos que a capital
era un fervedoiro de creadores nos máis diferentes eidos mentres
Europa axitábase entre as súas guerras. E a guinda da torta vén da
man dunha efectiva montaxe, cuidada dende a diversidade de materiais
artísticos e documentais cos que a exposición cumpre con creces as
súas pretensións reveladoras sobre esta artista nacida en Ucrania
en 1885.
Seis son os espazos que
conforman a exposición, un percorrido vital que, xunto cos datos
biográficos, achéganse a cada unha das súas conquistas artísticas,
aos seus intereses plásticos e como ía acadando cada un deles
sempre nunha dirección moi determinada que é a que lle confire ao
seu traballo, visto dende o conxunto, unha unidade máis que
interesante. Arrinca coa súa educación cosmopolita en San
Petersburgo, os seus estudos de pintura en Karlsruhe nun itinerario
que a achegará ata París. Un tempo de formación definido pola súa
interese pola cor que non esquecerá xamáis. O París do estourar
das vangardas será no que medre a súa pintura decantándose polo
territorio da abstracción. Ela, que deseguida se adentrou na
modernidade vital e social do seu tempo, fixo dese terreo o lugar que
explorar, no que fusionar formas e contrastar cores, e todo iso a
través dunha arte que non se tiña que limitar aos espazos das
exposicións senón que tiña que conquistar o eido popular,
difundirse a través de publicacións, publicidades, decoracións e
ata as roupas. O terceiro dos escenarios sitúa a Sonia Delaunay na
península ibérica. Os tres anos da I Guerra Mundial pásaos entre
Portugal e España, descobre unha luminosidade diferente á parisina
e colabora cun dos grandes daqueles anos refuxiado en Madrid, Serguéi
Diághilev o fundador do famoso Ballet Ruso. Entre 1917 e 1921 Sonia
Delaunay establécese en Madrid, mentres a Revolución Rusa déixaa
sen os ingresos que recibía de rentas familiares, abrindo un negocio
en Madrid, ‘Casa Sonia’, adicado á decoración. É un tempo
frenético, e vendo a mostra e os materiais expostos, toda unha
revolución nun Madrid que non deixaba de medrar. Aquí relaciónase
con Ramón Gómez de la Serna ou Guillermo de la Torre. É tempo de
decorar casas particulares, palacios teatros e comeza unha
interesantísima carreira no deseño de moda e complementos. As súas
pinturas invaden así outros terreos máis populares e traxes e
tecidos convértense en auténticas descubertas artísticas. Regresa
a París e afonda nesa liña dende as colaboracións cos grupos
dadaístas e surrealistas chegando a fichar por uns grandes almacéns
holandeses, Metz&Co. para os que traballou durante moitos anos.
En 1964 converterase na primeira muller viva á que se lle adica unha
exposición no Museo do Louvre. Morrerá tras unha longa vida en
1979, hoxe, visitar esta excelente mostra supón descubrir a unha
muller cunha enorme creatividade e que abriu moitos camiños pouco
transitados.
Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 10/09/2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario