xoves, 14 de setembro de 2017

Winter is coming

Achéganse escuros nubeiros ao MARCO de Vigo, un referente artístico que comeza a verse ameazado pola inxerencia política



O inverno achégase. O adagio da famosa serie ‘Juego de tronos’ pendúrase da solaina que preside a fachada pétrea do MARCO na rúa do Príncipe. Príncipes, pedras e cárceres, e agora iso, o laio dun edificio, dun proxecto que sente a ameaza da incertidume. Semella que non serán tempos sinxelos os que veñen para a institución cultural viguesa, unha das poucas que miran cara a arte contemporánea para, ao fin e ao cabo, medir a realidade na que estamos envoltos.
En Pontevedra sabemos moito do que é facer dun museo unha plataforma política. É por iso que os ventos que comezan a arrodear ao MARCO semellan que se van a levar por diante todo o bo que se fixo ao longo dos anos que leva aberto, co que iso costa recuperar cando pase o inverno. Un Museo hoxe é un ronsel de pensamento que vai máis aló de ser un contedor de cadros adicado a encherlle a mirada a centos ou milleiros de visitantes entre os que fotografarse o responsable político de turno. Un Museo hoxe enténdese dende unha dimensión que o vencelle co que acontece no tecido social que o rodea, isto é, explorar límites, resituar aos artistas (aos de antes e aos de agora-para proba non hai máis que achegarse a actual mostra arredor da obra de Ánxel Huete) e establecer canles de comunicación entre a arte e a sociedade que mobilicen o pensamento da cidadanía.
Dende que pouco antes do verán se coñecese que o Concello de Vigo ía controlar de xeito absoluto, e semella que absolutista ese centro, engadido á marcha do seu actual director Iñaki Martínez Antelo e as coñecidas intencións do alcalde-comisario de que alí se acolla unha colección de pintura que agora se amosa distribuída en diferentes espazos municipais, intúese que o inverno non vai ser moi proclive para un espazo que resituou a Vigo no ámbito internacional da arte contemporánea. Nin todo un exército de dinosetos, nin as surrealistas Feiras de Abril do Arenal poderán nunca competir con esa imaxe, que non é xa só un xeito de recoñecemento xeográfico, senón que a iso engádelle a excelencia dun discurso intelixente.
O MARCO foi quen, ao longo destes anos, de superar os moitos problemas con que sempre se atopa o tecido cultural, máis aínda en Galicia, máis aínda se nos movemos nos territorios da contemporaneidade, sempre cun complexo engrase coa sociedade. As liortas entre institucións, as perdas de financiamento, a crise, todo iso foi minando posibilidades, pero non así as ilusións duns profesionais que souberon manter a flote unha programación da que sentirse orgulloso, non só o Museo, senón tamén o propio Vigo. Tanto lles custa entender aos políticos que eles son os primeiros que lle sacan proveito a unha xestión coherente a cargo dos profesionais? É plausible a achega económica feita polo Concello ao longo deste anos, moi por riba das realizadas pola Xunta, Deputación e Ministerio de Cultura, pero iso non é un salvoconducto para tentar meterse onde non saben e onde o máis seguro é que rematen facendo un ridículo tras outro. Custa demasiado erixir estas institucións culturais que precisan do tempo e de aunar diferentes posturas en moitos eidos como para que un capricho ou a idea dun iluminado deixe todo en ruínas.
Winter is coming, as tebras comezan a cercar á claridade, os cabaleiros empuñan as súas armas para a loita, para a conquista dun territorio ignoto, o da arte, o da sensibilidade e o respecto polos profesionais. Atentos aos seguintes capítulos.  



Publicado no Diario de Pontevedra e no Progreso de Lugo 13/09/2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario