Outra vez o
cheiro a fume e a destrución. De novo unha sociedade sometida pola
man do terror e a incapacidade para impedilo.
Unha muller ante o paso do lume en Tortoreos, As Neves (Javier Cervera-Mercadillo) |
Bágoas, mans na
cabeza, laios, lapas, terra queimada, cheiro a fume, desolación,
traxedia... Unha vez máis a catarse cíclica que asola a esta terra
volveu a facer do domingo un día dramático en Galicia. E non só
polas desoladoras consecuencias que tinxiron de negro a terra e a
alma de todos nós, senón tamén por evidenciar como seguimos en
permanente estado de desprotección ante unha banda de criminais, de
xente que non merece vivir entre nós.
Eles son os principais
causantes desta podremia, a noxenta man que é quen de poñer lume
onde hai vida e vidas. Pero se isto xa o temos claro dende hai moito
tempo, xunto con que existe unha mafia que algún tipo de proveito
tira destas accións que van máis alá de ser obra dun demente ou do
tonto do pobo, o que cumpre dunha vez é coñecer se está todo posto
enrriba da mesa para tentar saber o que de verdade hai tras esas
organizacións, ou porque non se desmantela ningunha delas, máis alá
das detencións de catro vellos cun chisqueiro.
Onte escoitabase falar
dende a Administración Pública de terrorismo, de seca, de vento,
ata de Portugal... como axentes que coincidiron nesta ocasión. Ata
Portugal, meu Deus!, pero non se dixo nada das condicións en que se
atopa o noso monte, do seu abandono, da falla dunha política que
tente a súa mantenza ordeada, da masiva eucaliptización dun
territorio sementado de teas e do negocio que o rodea. Pedimos axuda
ao exterior, reclamamos a chegada de medios, pero eses medios terían
que estar presentes na nosa comunidade de xeito permanente, máis
aínda sabendo da situación que vivimos sen chuvia dende hai
semanas, nunha situación de alerta que debería ter un sistema de
previsión ante a catástrofe. Non é a primeira vez que acontece...
volverá a pasar.
Horas críticas en
Galicia con vías de comunicación pechadas, sen alternativas, xente
en túneles que non saben por onde ir. Unha tarde como esta nun
xornal é un pesadelo, por un lado polo que estás vendo e ata
olendo, cando chegan os teu compañeiros das zonas queimadas con ese
cheiro pegado a eles que un recorda daquel 2006 que se empeñan en
non deixarnos esquecer. Cinzas no chan da redacción como as que
estiveron caendo ao longo de todo o día sobre o centro de
Pontevedra; pero tamén un pesadelo pola necesidade de coñecer o que
acontece e para darlle á poboación información na crecente
confusión. Un pensa que estes momentos son nos que se precisa dunha
canle pública, pero alí tamén todo está arrasado. Luar, Land
Rober e fútbol na G2, así toda a tarde, como se estivese posto o
piloto automático. A Galicia paralela, a Galicia para lelos. A Radio
Galega non renuncia ao Galicia en goles, informacións puntuais ata
as oito da tarde que é cando comeza unha programación especial pero
que hora e media despois regresa ao confortábel fútbol, e alí
segue cando sae a nova máis tráxica, a dos primeiros mortos.
Lamentábel, ata distópico. Supoño que ao longo da semana
esixiranse dimisións no Parlamento de Galicia. Un país non pode ter
uns medios públicos que ignoren o que acontece no seu territorio e
máis ante unha situación de extrema gravidade.
O sur da provincia de
Pontevedra desolado e a impotencia de ver como se repiten estes
feitos unha vez máis, tamén como, abofé, durante unhas semanas
entraremos nas noxentas liortas entre os partidos políticos e como
dende a Administración dirase unha e outra vez que se fixo todo o
que estaba nas súas mans fronte á puntual confluencia das
circunstancias e que hai cousas que non se poden controlar. Pero do
que nunca falan é das que si se poden controlar, así como da
necesidade dun pacto conxunto de tódalas forzas sobre unha cuestión
que debería ter un pulo común. Si, xa sei que son un iluso. Que
penso cun país ten que estar por riba das siglas e dos seus
gobernantes, pero cando un contempla o que pasou onte volve a sentir
que o que hai que priorizar non son os lamentos, nin tan sequera a
extinción, e si a prevención, isto é, priorizar un país.
Publicado no Diario de Pontevedra 16/10/2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario