Tras o paso do
lume a cinza deixa unha chea de preguntas que quedarán sen
respostas, como xa aconteceu noutras vagas de incendios.
Dous operarios en medio do lume en A Armenteira (Rafa Fariña) |
Deixan os lumes
preguntas agochadas baixo a dor e a rabia. Sentimentos que cada certo
tempo enguedéllanse entre as copas das nosas árbores, soben polos
valados das corredoiras e contemplan dende os vales como esmorecen
ducias de vivendas. Ese ronsel de preguntas tinxidas do negro da
desolación é ao que estamos obrigados dende xa, aínda que sexa
para que cando todo isto se repita lembremos as respostas. É unha
especie de destino maldito dos galegos o de enfrontarse de xeito
reiterado a situacións catastróficas no medio natural, no que
semellamos estar inseridos como na roda dun hámster, xirando unha e
outra vez.
Estamos ante unhas
circunstancias extraordinarias? Sempre que ten lugar unha vaga de
lumes escoitamos de xeito insistente que nos atopamos ante «unhas
circunstancias extraordinarias» que, sen embargo, se repiten de
xeito habitual cada verán nalgunha xornada na que, en maior ou menor
medida, coinciden estes factores ambientais. Vento e seca xuntos non
son efectos tan estraños como para vestilos como extraordinarios.
Quen son os culpábeis?
Estamos fartos xa de escoitar que o lume ten culpábeis, que hai
xente que queima o monte, algo que todos sabemos máis que de sobra.
Todos entendemos que esa chea de lumes non medran por xeración
espontánea, o que queremos saber é quen está detrás desas
accións. Se existe unha organización máis ou menos artellada e,
sobre todo, que beneficio se lle pode sacar a esas accións
miserábeis que non parecen ser só froito dun tolo que goza
prendendo lume. De ser así estaríamos con máis de cen pirómanos
ao noso arredor envoltos en lapas todo o ano.
Terroristas, si. E que
máis? Está moi ben iso de refuxiarse no terrorismo incendiario,
unha maneira de definir a un inimigo alleo á comunidade. Pero tras
os actos deses, sen dúbida, criminais, a segunda parte do mal vén
da ausencia dun plan real que coide un rural desprezado ao longo das
últimas décadas. Fixar poboación, manter os montes coidados ao
longo de todo o ano ou frear dunha vez a presenza dunha especie
fondamente ligada á especulación económica do bosque como é o
eucalipto, e que vai contra a biodiversidade propia da nosa terra,
terían que ser teimas prioritarias de calquera goberno.
Seguen as
investigacións máis aló do foco da primeira semana? Os cidadáns
tamén nos preguntamos se as investigacións sobre os autores
materiais dos lumes continúan ao longo de todo o ano máis aló da
presión mediática que se rexistra nos días seguintes ao incendio.
Onde quedaron os medios
públicos de comunicación? A súa renuncia foi un dos aspectos máis
lamentábeis desta crise. O domingo, os lumes ían medrando ao mesmo
tempo ca preocupación dun país que precisaba información, non só
para saber o que pasaba, senón para moverse polo seu propio
territorio. Tanto a Televisión de Galicia como a radio pública
estiveron ausentes desa obriga, o que debería facer dimitir dende o
mesmo luns aos seus responsábeis.
Porque asusta a xente
na rúa? Nunca sei por que se lle ten tanto medo á xente nas rúas e
prazas berrando contra os sucesos que asolan a nosa terra. Moita desa
xente, máis indignada que politizada, é a mesma que tivo que apagar
con cubos e mangueiras de xardín o lume que, de non ser por ela,
sería aínda máis terríbel.
Esperemos que cando
cheguen as respostas, se é que isto acontece, non pase como con
aquel graffiti que o poeta ecuatoriano Jorge Enrique Adoum leu un
día: «Cando tiñamos as respostas cambiáronnos as preguntas».
Publicado no Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 18/10/2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario