O Premio Nacional de Literatura Infantil
e Xuvenil acadado por ‘Poemar o mar’ é un novo pulo á escrita en galego para
rapaces
Hai títulos que por si mesmos xa
merecerían un premio. Pola boa feitura, pola súa beleza e polo que son quen de
inspirar, máis aínda cando ese título é o inicio de toda unha travesía por un
poemario tan fermoso coma engaiolante, tan sensíbel como atraente, tan delicado
como afouto, e o mellor de todo é que está artellado dende a dignidade que
merece todo o que se adica aos cativos no ámbito da escrita.
‘Poemar o mar’ amósanos que a poesía
tamén pode estar dirixida aos nenos e ás nenas e que é unha desas pontes
necesarias para aproximarse á realidade, para vela con outros ollos, con eses
ollos que tantas veces se precisan para asexar ó outro lado das cousas e que só
a literatura é quen de amosar. Este é un deses libros que un nunca se cansa de
ler dende a súa aparente sinxeleza, que en varios momentos elévase sobre o mar
como unha gran balea branca convertida en literatura, batendo coa súa cola no
mar dun pletórico maxín que, da man de Antonio García Teijeiro, fainos sucar
unhas ondas que nos beliscan a pel.
«Letras con algas/do mar:/palabras
molladas,/sen máis». Palabras molladas di o autor, palabras que zumegan rimas
salgadas, xogos cunhas palabras que son as grandes protagonistas dun poemario
que fai da palabra a vela inchada coa que movernos por esta travesía. Unhas
veces as palabras repenican entre si, outras fano arredor do mar, coma peixiños
de cores que se moven entre milleiros de azuis baixo un ceo de estrelas que,
como cóxegas na noite, pechan un escenario máxico.
‘Poemar o mar’ cerra unha triloxía que o
autor adica ao mar. ‘En la cuna del mar’ e ‘Palabras do mar’ foron a antesala
deste poemario, que acadou hai uns días o Premio Nacional de Literatura
Infantil e Xuvenil a nivel de todo o Estado. Outro recoñecemento ás nosas
letras, que teñen no terreo da escrita adicada aos nosos mozos e mozas un dos
seus mellores miradoiros. A Antonio García Teijeiro precedérono Paco Martín, Xabier
P. Docampo, Fina Casalderrey, Agustín Fernández Paz e Ledicia Costas, nomes que
entenden a escrita máis aló dunha actividade íntima porque a estenden a ese mar
tantas veces ignoto que é o das lecturas para os máis novos, que tantas veces
foi mirado por riba do ombreiro.
Asemade, a súa conxunción coas
marabillosas ilustracións de Xan López Domínguez xera un itinerario cheo de
illotes nos que perderse, dende os que sentir o mar e todo o que o rodea bater
na nosa faciana. Animais, ventos, sons, cores, mitoloxías... todo iso
convértese nunha invitación para o goce do lector, que pode entender este texto
como unha boia na que suxeitarse ante tantas incertezas. A poesía, unha vez
máis, poñéndose fronte a nós como un seguro de vida. Dicía Rafael Alberti, do que
tanto hai neste libro, que el adicábase a «pintar as palabras». Antonio García
Teijeiro, ademais de pintalas con todos os seus significados, tamén as pinta
dunha lingua galega que, como poucas, serve para acariñar o mar cunha paleta de
sentimentos e relacións entre a palabra e cadansúa imaxe e, por iso, acadar
este galardón é un enorme pulo ao emprego da nosa lingua para traducir o mundo
a pequenos e maiores, un premio concedido a un libro que xa foi editado hai
máis dun ano por Xerais e que agora regresa á praia como unha botella chea de
mensaxes no seu interior. Mensaxes que converten o mar en palabras pintadas, en
silencios nos que perdernos no mar.
Publicado no Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo 11/10/2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario