mércores, 11 de outubro de 2017

Mutacións polifónicas

O Museo de Arte Contemporánea de Gas Natural Fenosa de A Coruña acolle unha mostra fotográfica de Pablo Genovés. Unha suxerente proposta distópica que nos adentra nuns espazos reconvertidos nun desastre natural que provoca un forte impacto no espectador.



Vemos nos últimos tempos a devastación da que é quen a natureza. Furacáns no Caribe, inundacións na Asia, terremotos en México... o mundo ten unha capacidade inimaxinábel para danarse a si mesmo, para facer da destrución unha parte da súa propia realidade. Cando vemos as imaxes destes sucesos na prensa ou na televisión adoitan ser imaxes de rúas ateigadas de auga ou de edificacións derrubadas, pero que imaxe teríamos se esa destrución afectase a un espazo artístico de primeira magnitude?, como se visualizaría ese enfrontamente da beleza co mal?
A mostra que dende o pasado xoves amósase no MAC de A Coruña do fotógrafo Pablo Genovés acolle esa inquedanza e a converte nunha serie de imaxes turbadoras para o espectador. Unha reflexión distópica que semella levarnos a outra realidade, a un mundo convulso e sometido ás leis da natureza. Pablo Genovés é un dos artistas españois más recoñecidos, a súa participación en diferentes mostras no estranxeiro confirman o interese pola súa mirada e a súa capacidade para xerar unhas imaxes nas que se agochan moitas preguntas, o que probabelmente sexa unhas das situacións máis interesantes que se poida dicir dunha obra de arte. Especialmente singular foi a presenza de Pablo Genovés a principios deste ano no interior da Catedral de San Pablo de Londres con catro grandes imaxes que aludían á inundación do propio templo. Unha reflexión sobre ese enfrontamento de realidades co artista propón a través da inxerencia fotográfica a partir de imaxes antigas que atopa en mercadillos ou outras feitas por el mesmo e nas que propón esa ensamblaxe visual. Nesa ocasión empregadas cunha mensaxe de alerta arredor do cambio climático, pero esa clave é case anecdótica ante as capacidades das imaxes, plenas de forza, para a suxerencia doutras posibilidades ou percepcións.
Esas percepcións espállanse dende ese enfrontamento do control humano, dende unha arquitectura medida polo home fronte á liberdade da natureza, tamén do simbolismo que se acolle neses espazos e a súa simbiose coa auga ou como eses templos, feitos para someter ao home e para aplastalo coa capacidade do poder, tremen fronte á potencialidade deses elementos da natureza cando se desbocan. O título de ‘As mutacións polifónicas’ alude a esa variación de motivos dentro dunha mesma temática, de imaxes que, sempre en branco e negro, gozan dunha indubidábel potencia expresiva que axuda ao noso desacougo, así como a unha certa confusión visual que nun primeiro momento lévanos incluso a dubidar da súa realidade ou non. A elección deses templos barrocos coa súa exhuberancia ornamental e o propio sentido co que nace ese estilo artístico chamado á teatralidade e a monumentalidade para someter ao fiel, adoita converterse nun fiel alidado para as pretensións do creador que ao fin e ao cabo é quen de xerar beleza, de facer dun instante que semella previo ao fin un canto á labor do home pero tamén da natureza.
Estas imaxes, entre o onírico e a evocación dunha realidade paralela,configuran como en calquera artista unha introspección sobre o que a Pablo Genovés lle interesa amosar co seu traballo, ese carácter hipnótico da arte que nos cuestiona a nós mesmos e a nosa realidade. Esas mareas, acubilladas baixo cúpulas ou naves dunha igrexa, ou esas marexadas que inundan maxestuosas salas ou palacios, tamén son unha interrogante permanente sobre o paso do tempo, sobre como os séculos vanse amoreando arredor do noso patrimonio, como as areas dun reloxo poden ser tamén as ondas dun océano asolagador que actúa como unha memoria que vai deixando atrás aquilo que se pode esquecer.
Non deixa Pablo Genovés que nos esquezamos do pasado, tampouco dun posíbel futuro. Dende ese equilibrio móvese unha fotografía que xorde da espectacularidade pero que baixo esa faciana alude moito máis do que pensamos sobre o noso mundo cada vez máis mutante, cada vez máis polifónico.



Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 1/10/2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario