‘Corpo de Antiochia’ revélase como un
poemario feito viaxe. Un espazo para a reflexión sobre a reconstrución dun
ámbito físico pero que vai máis alá da man de Tamara Andrés, adentrándose nun
devir íntimo de descuberta da persoa e dos seus procesos de evolución.
'O que non se nomea non existe’. Afirma
Tamara Andrés (Combarro, 1992) no interior de ‘A auga’ un dos poemas clave
deste ‘Corpo de Antiochía’ que, editado por Galaxia dentro da súa colección
Dombate, lévanos a afrontar un proceso de construción íntima a través da
afoutada metáfora da cidade de Antiochia. Histórico cruce de civilizacións,
construída, derruída e de novo ergueita, unha e outra vez. Unha visión
especular que serve a Tamara Andrés para dar un salto de madurez na súa aínda
recente traxectoria na escrita, e que deixa abertas as portas a un futuro que
teima en chegar.
Convértese así esa imaxe da cidade
situada na actual Turquía nun poderoso faro fronte ao que esta poeta
actúa como unha serea que xorde do mar para, co seu canto, evocar o paso do
tempo e a súa pegada na pel dos que hoxe somos protagonistas doutro tempo tan afastado
daquel. Nesa pel póusase como se fose un compás un poemario preciso tamén para
termos consciencia do noso eu.
O primeiro que nos chama a atención é
esa afouteza da linguaxe, a capacidade por prescindir do sobrante, nun proceso
de depuración que case sempre adoita ser o máis complexo para o escritor que
sabe dese compromiso para chegar á cerna das cousas. Agora queda a segunda
parte do trato, o de ser quen de artellar con esas poucas palabras un discurso
no que se conteñan as pretensións do creador e que estas sexan palpábeis para o
lector. E isto acádao Tamara Andrés cuns poemas contundentes, nos que se
rastrexa ese ronsel da forza que ese proceso cíclico de construción e
destrución foi devalando nos séculos. Agora ese tempo é o noso, e todo o que
semella un devir histórico contense no noso eu. A poeta é quen de facernos
conscientes dende a palabra, sempre a palabra que nomea o que existe, de que
ese proceso dase de xeito constante no noso interior, entendidos o nosos corpos
tamén como cidades de ida e volta, cheas de bos e malos momentos, de incertezas
e loitas fronte ao exterior, de procesos que nos poñen ao límite pero dende o
que tentar albiscar novos horizontes.
O poemario condúcese por todo ese
itinerario: A extinción, o desterro e o retorno. No primeiro céntrase na
ausencia da beleza, a súa perda como cegueira da sociedade que precisa desa
beleza como rexistro atemporal: «a fame da memoria», escribe a autora. Non se
pode dicir mellor, memoria en cuxa ausencia impídese o camiñar. No desterro
xorden as dúbidas: «como mirarnos?/onde nos deter?» É o desacougo, o
derrubamento do eu, a dor, o percorrido polo descoñecido, entendido como
incerteza. Un tránsito que aínda que nese intre non o pareza serve para
sementar o futuro, esa nova etapa convertida en retorno, a redescuberta do que
somos, de novo o eu como lugar no que deterse o faro que alumea a nosa
contorna, alí onde bater a nosa individualidade fronte ao colectivo.
Imos, polo tanto, con cada páxina
debullando ese eu, sempre a partir da metáfora colectiva, esfolar a nosa
identidade, capa a capa: «Disque a ferida sempre cicatriza/e que a dor nace
para o remedio,/mais o proxectil do berro/non deixa/aquí/estanque/entre os
beizos.». A destrución e o remedio: a reconstrución da identidade. Escoitamos
un novo canto da serea, o da identidade, unha das cernas do poemario, a
capacidade para a rexeneración desa identidade en canto o que somos fronte ao
conxunto de individuos. Un corpo no que se pousan as cronoloxías, as maneiras
de mirar, o físico e o simbólico.
Dende ese corpo escribe Tamara Andrés,
dende ese eu medran os versos precisos para enfrontármonos cun espello en forma
de mar. Un espello que non é, como a nosa identidade tampouco ten a precisa
estabilidade, móvendose entre ondas axitadas incapaces de ter a calma necesaria
para vérmonos, para recoñecérmonos.
Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo. 12/11/2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario