xoves, 16 de novembro de 2017

Xuíces afoutos

A concesión dos Premios San Clemente por parte dun xurado de rapaces e rapazas convértese nun triunfo da literatura.

Membros do xurado (Xoán Rey. Efe)

Hai xurados e xurados, como hai premios e premios literarios. Hai premios dos que xa desconfías meses antes de coñecer o seu veredicto. Sabes que deles pouco bo se espera para a literatura, domesticados polo interese de encher os listados de vendas ou satisfacer os egos dalgúns autores vencellados de diferentes maneiras a organizadores ou xurados. Pero outros premios un espéraos cun gozo difícil de explicar porque sabe que tras eles agóchase o recoñecemento puro a un libro que gustou a rapaces e rapazas, a xuíces que deciden sen as eivas dos que buscan nos premios outros intereses afastados do que debería ser o valorizar aquilo que te emociona ou que polo menos te convence a ti, como membro dun xurado, e merece ser gabado.
Un deses premios é o San Clemente, outorgado polo Instituto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela. Son xa XXIII as edicións deste galardón, que conta co apoio de Abanca e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, non para buscar gañadores famosos, senón para botar unha man para a segunda parte deste fermoso asunto, como é a presenza e o contacto dos escritores cos alumnos dese centro.
É emocionante botarlle un ollo ao vídeo que o centro ten na súa páxina web. Un resumo destas edicións no que José Saramago, Haruki Murakami, Paul Auster, Javier Marías, Luis Landero, Manuel Rivas, Eduardo mendoza, Teresa Moure, Amélie Nothomb, Pedro Feijoo ou Colm Tolbin recollen ese premio entre as miradas de sorpresa e a admiración de alumnos e profesores, e tamén entre os aplausos daqueles que teñen ante si a auténticos creadores de historias e emocións e que tanto goce lle outorgan aos lectores.
Outra das súas achegas é a de que ao ser un premio que recoñece a un libro xa publicado hai uns meses tamén serve para poñer en valor de novo certas obras que podían quedar no esquecemento para moitos lectores. Non sucede iso con dous dos premiados deste ano, os de Lingua Castelá e Lingua Galega, ‘Patria’ de Fernando Aramburu, e ‘Todo canto fomos’ de Xosé Monteagudo, ambos con fondos recoñecementos nos seus respectivos sistemas literarios, pero si acontece co premio á mellor obra en Lingua Estranxeira, que recaeu en ‘Morir en Primavera’, do alemán Ralf Rothmann e que editou Libros del Asteroide, unha desas editoriais que brillan pola súa escolla de autores, afastados dos nomes máis mediáticos dunha literatura exquisita e que ademais dirixe un galego intrépido, Luis Solano. A edición deste ano, se ben serve para alinearse nese pulo xeral a favor de dous libros, os de Aramburu e Monteagudo, cheos de valores e virtudes, tamén quedará fixada no tempo polo recoñecemento a este ‘Morir en Primavera’, absolutamente marabilloso, do que levo engaiolado dende que se deu a coñecer a escolla do xurado e que un mesmo ao tempo que o le imaxina aos rapaces dese instituto, así como os de outros institutos de Galicia e do estranxeiro que tamén son parte do xurado, traballando arredor dun texto que se afunde na II Guerra Mundial coa historia nada sinxela de dous mozos de dezasete anos que entran no exército nazi ao final do conflito e formarán parte dese escenario da dor, no que compoñentes como a inocencia, a amizade ou o deber aparecen como ingredientes cos que a literatura se mergulla na nosa historia e que abofé farían pensar moito a este xurado afouto ao gabar un libro coma este.
Grazas a todos os que manteñen este premio en pé. Sodes unha beizón para a literatura que agora xa queda á espera desa xornada de sorrisos, firmas e historias inesquecíbeis, cando Fernando Aramburu, Xosé Monteagudo e Ralf Rothmann se acheguen a Compostela, na que será unha parada ben diferente a todas as moitas que xa levan feito no universo das palabras. Unha parada das que se pegan á pel.



Publicado no Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo. 15/11/2017. Fotografía Xoán Rey (Efe)

Ningún comentario:

Publicar un comentario