martes, 14 de novembro de 2017

Ilusionismo persistente

Rue Saint-Antoine nº 170
Pintura. Luis Bueno fainos partícipes do seu proxecto artístico. Un traballo de reflexión sobre os límites da pintura e a súa representación ao longo dos séculos. Teoría e praxe que o artista explora como parte da súa tese de doutoramento, pero tamén como arte per se.


Marcos rotos, lenzos rachados, pinturas que saen fóra do espazo bidimensional, naturezas intervidas, pinturas sobre soportes impensábeis, paisaxes contidos en latas de conserva... de todas estas ferrramentas válese Luis Bueno para presentar ante nós un traballo máis que interesante, non só pola súa propia condición de obxecto artístico, senón polo que ten de estudo e análise da tradición pictórica ao longo dos séculos. Esa tradición tivo no tempo espazos de dúbida e reflexión, máis que como movementos, como audaces intervencións ou propostas de artistas determinados que puxeron no arame esa contención da pintura no lenzo ou a plantexada polos férreos límites do marco.
Luis Bueno estableceu un proceso teórico de estudo desa situación que a representación pictórica ou que a ilusión foron quen de plantexar para, dende eses elementos tradicionais da pintura: a natureza, a perspectiva, a cor, o debuxo... ir plantexando unha serie de materializacións que nos fixesen pensar sobre esa tensión interna establecida polo feito pictórico. O resultado é unha teoría resolta académicamente de xeito trunfal, e que agora vemos exposta mediante un exercicio pictórico de límites confusos pero manexados de xeito brillante e intelixente fronte ao espectador na Sala-X da Facultade de Belas Artes de Pontevedra.
Ata o 17 de novembro podemos percorrer este honesto exercicio arredor da pintura para enfrontarnos a ese debate. Para ver como os ingredientes da pintura poden resolverse de xeito audaz dende diferentes composicións afastadas do normal, pero tamén para achegarnos a unha serie de soportes que discuten a propia identidade do soporte e plantexan interesantes concepcións sobre a representación. Paisaxes sobre papeis que son chamados a súa rápida degradación, imaxes dunhas paisaxes nas que se elimina toda presenza humana quedando unha pegada blanca ou naturezas contidas en latas de conserva como brutal impacto e reflexión sobre o acotamente extremo que estamos a facer da natureza dende a nosa perversa sociedade, xerando unha natureza cada vez máis domesticada, cada vez máis entendida como un parque de diversións humanas e non como un territorio aberto e libre.
Luis Bueno reactualiza a propia concepción da pintura, facendo que siga presente dentro do taboleiro artístico contemporáneo, con novas compoñentes e arriscados matices, pero nunca deixando de ser pintura. O que ao fin e ao cabo é o seu gran éxito.







Publicado no Diario de Pontevedra 13/11/2017
Fotografías. Olga Fernández


Ningún comentario:

Publicar un comentario