xoves, 30 de novembro de 2017

Culturdez

O Culturgal celebra a súa décima edición mantendo afouto o seu labor como termómetro da realidade cultural galega


A Feira das Industrias Culturais de Galicia acada a súa décima edición, unha cifra redonda que confirma a este evento como o máis senlleiro da cultura galega e que permite, dende diferentes sensacións e axentes culturais, calibrar o latexo da nosa cultura, non só na literatura, senón tamén na música, o teatro, as artes plásticas, a banda deseñada, o xornalismo ou o cinema.
De singular importancia nestes días son dúas situacións: a interrelación que se amosa entre os protagonistas desas forzas de acción cultural así como a visibilidade do seu esforzo fronte ao público. Un público que é a derradeira  pata do escano da cultura pero sen a que ao fin e ao cabo este asento caería ao chan. Un sistema cultural sen público, sen lectores ou sen clientes (non perdamos nunca de vista a capacidade da cultura como motor económico) estaría mutilado e abocado ao seu fin.
Durante estes dez anos, case todos eles de acubillo en Pontevedra, inmellorábel escenario para este encontro, vimos como esta Feira non deixaba de medrar, cunha organización cada vez mellor, con máis actividades, e abrindo o foco a novas situacións que nos enchen de ledicia e que este ano se singularizan na colaboración internacional, neste caso con Portugal como convidado, e que permitirá amosar unha parte da súa forza creativa e cultural, ante a que, lamentábel e inexplicabelmente, permanecemos de costas aínda que estemos tran preto. Ese arrecendo luso viralle moi ben ao Culturgal para seguir metendo aire nas velas, un aire que tanto precisa o noso sistema cultural, tantas veces en medio das calmas que os océanos da ignorancia procuran. Nesas velas temos que soprar todos, xa que só xuntos será como a navegación chegará a bo porto. Non sempre é sinxelo acadar ese aire, como tampouco o é navegar nunha poza de auga, en vez dun océano, na que semella que os que teñen capacidade de tomar decisións queren converter o noso idioma, o que tería que ser o recio elo de todo este tecido cultural, así como da cultura coa sociedade. A seca non só se concentra nos nosos encoros. Cada vez aprétase máis o investimento adicado ao fomento do galego e uns recentes datos fixan esa perda de investimento nun 60% dende 2008 ata os nosos días. Cifras que deixan os 23 millóns de euros daquela nuns esfameados 6,76 millóns e a esperanza de onte convertida na vergoña de hoxe.
Pois sobre ese regato navegan as nosas mellores naves, que son as do maxín dos nosos autores e autoras, as dos nosos editores, as dos nosos actores e actrices, os nosos músicos e todos aqueles que traballan para facer cultura turrando dende o seu. Un facer cultura que é un facer país. Fagámolo todos xuntos acudindo ao Culturgal, investindo o noso tempo nesa cultura que tanto precisa de nós. Bótenlle unha ollada á programación deses tres días que comezan o venres e verán canto se fai aquí, e canto bo. Nunca baixen a cabeza fronte a falla de apoios coa que tanto acostumamos a flaxelarnos e sexamos optimistas. Cando entren en contacto co espírito do Cuturgal verán renovado ese optimismo e sairán co peito enchido de cousas fermosas, de cousas que falan de todos nós.
Abran a billa da poesía, esa si manando augas frescas e anovadas, gocen coa nosa escrita infantil, merecente de novo de todo un Premio Nacional, vexan cine, sintan as nosas músicas, escoiten falar aos nosos escritores. Formen parte do mellor que temos, a nosa cultura, unha cultura de dez.




Publicado no Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 29/11/2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario