O Culturgal
celebra a súa décima edición mantendo afouto o seu labor como
termómetro da realidade cultural galega
A Feira das Industrias
Culturais de Galicia acada a súa décima edición, unha cifra
redonda que confirma a este evento como o máis senlleiro da cultura
galega e que permite, dende diferentes sensacións e axentes
culturais, calibrar o latexo da nosa cultura, non só na literatura,
senón tamén na música, o teatro, as artes plásticas, a banda
deseñada, o xornalismo ou o cinema.
De singular importancia
nestes días son dúas situacións: a interrelación que se amosa
entre os protagonistas desas forzas de acción cultural así como a
visibilidade do seu esforzo fronte ao público. Un público que é a
derradeira pata do escano da cultura pero sen a que ao fin e ao
cabo este asento caería ao chan. Un sistema cultural sen público,
sen lectores ou sen clientes (non perdamos nunca de vista a
capacidade da cultura como motor económico) estaría mutilado e
abocado ao seu fin.
Durante estes dez anos,
case todos eles de acubillo en Pontevedra, inmellorábel escenario
para este encontro, vimos como esta Feira non deixaba de medrar,
cunha organización cada vez mellor, con máis actividades, e abrindo
o foco a novas situacións que nos enchen de ledicia e que este ano
se singularizan na colaboración internacional, neste caso con
Portugal como convidado, e que permitirá amosar unha parte da súa
forza creativa e cultural, ante a que, lamentábel e
inexplicabelmente, permanecemos de costas aínda que estemos tran
preto. Ese arrecendo luso viralle moi ben ao Culturgal para seguir
metendo aire nas velas, un aire que tanto precisa o noso sistema
cultural, tantas veces en medio das calmas que os océanos da
ignorancia procuran. Nesas velas temos que soprar todos, xa que só
xuntos será como a navegación chegará a bo porto. Non sempre é
sinxelo acadar ese aire, como tampouco o é navegar nunha poza de
auga, en vez dun océano, na que semella que os que teñen capacidade
de tomar decisións queren converter o noso idioma, o que tería que
ser o recio elo de todo este tecido cultural, así como da cultura
coa sociedade. A seca non só se concentra nos nosos encoros. Cada
vez aprétase máis o investimento adicado ao fomento do galego e uns
recentes datos fixan esa perda de investimento nun 60% dende 2008 ata
os nosos días. Cifras que deixan os 23 millóns de euros daquela
nuns esfameados 6,76 millóns e a esperanza de onte convertida na
vergoña de hoxe.
Pois sobre ese regato
navegan as nosas mellores naves, que son as do maxín dos nosos
autores e autoras, as dos nosos editores, as dos nosos actores e
actrices, os nosos músicos e todos aqueles que traballan para facer
cultura turrando dende o seu. Un facer cultura que é un facer país.
Fagámolo todos xuntos acudindo ao Culturgal, investindo o noso tempo
nesa cultura que tanto precisa de nós. Bótenlle unha ollada á
programación deses tres días que comezan o venres e verán canto se
fai aquí, e canto bo. Nunca baixen a cabeza fronte a falla de apoios
coa que tanto acostumamos a flaxelarnos e sexamos optimistas. Cando
entren en contacto co espírito do Cuturgal verán renovado ese
optimismo e sairán co peito enchido de cousas fermosas, de cousas
que falan de todos nós.
Abran a billa da
poesía, esa si manando augas frescas e anovadas, gocen coa nosa
escrita infantil, merecente de novo de todo un Premio Nacional, vexan
cine, sintan as nosas músicas, escoiten falar aos nosos escritores.
Formen parte do mellor que temos, a nosa cultura, unha cultura de
dez.
Publicado no Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 29/11/2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario