David Hockney,
cos seus oitenta anos, afronta outro novo reto dende a súa gran
pintura con esta exposición no Museo Guggenheim de Bilbao na que de
novo fai do retrato unha ferramenta de exploración para enguedellar
a cultura popular coa modernidade.
Tres días para facer
cada un deles, un fondo azul idéntico, unha mesma cadeira e unhas
medidas iguais en tódalas pezas. A partir destas condicións
identitarias desprégase a proposta de David Hockney (Bradford,
Inglaterra, 1937) na que se representan oitenta e dous retratos e un
bodegón nunha sala especialmente acondicionada -pintada cun febril
vermello- sobre a que todos eses azuis e coloridos retratos semellan
moverse nunha danza matissiana.
Ese frenesí da cor
complétase co que acontece no interior deses cadros idénticos no
seu tamaño e nos que se plantexa unha revisión do Pop Art que este
mesmo pintor contribuíra a plantexar nos anos sesenta dentro dunha
mostra xa mítica, ‘Young Contemporaries’, que fixou a irrupción
dese movemento nas illas británicas. Pouco despois David Hockney
estableceuse nos Ánxeles e alí, xunto a unha luz e unha cor abofé
que moi diferente a da súa terra natal, compuxo unha pintura chea de
vida, na que dende a paisaxe ou o retrato, sempre cunha anclaxe na
tradición, integrábase nunha modernidade alabada por todo o eido
artístico. As súas exposicións convértense sempre en auténticos
feitos mediáticos, sabedores, curadores, institucións e medios de
comunicación de que a súa pintura é moi accesíbel ao público,
polo menos en cando a súa formalidade, algo que non é nada sinxelo
para a pintura hoxe en día.
No Museo Guggenheim de
Bilbao xa amosou o pintor, aínda non hai moito, no ano 2012, unha
abraiante aproximación á paisaxe inglesa dende acuarelas, óleos e
ata co traballo no seu ipad, o que amosa, como poucas situacións, o
seu interese por traer ao noso tempo toda esa secularización da
pintura. Intelixentemente David Hockney aséntase nesa tradición,
nos propósitos dunha longa historia para facela andamiaxe da súa
obra que logo complétase coa súa proposta persoal nunha composición
chea dunha efectiva sinxeleza, no tratamento da cor ou na disposición
das figuras. Unha mirada entre o pictórico e o fotográfico que,
neste caso, axústase como poucas veces a través destes retratados
aos que o pintor citaba no seu estudo, todos eles amigos seus, algúns
famosos, outros descoñecidos para o público, pero que se
uniformizan dende esa disposición similiar, nesa cadeira que semella
estar flotando sobre algunha das súas coñecidas piscinas.
Alí foron citados e un
deles no acudiu rachando así a cadea establecida de cadros e tempos
de traballo. A solución de novo xurdía da tradición, do xénero do
bodegón, e así David Hockney colocou unhas froitas e unhas
hortalizas que tan ben encaixan nesa representatividade do universo
Pop entre a brincadeira e a plasmación do cotiá. Constitúense así
os 82 retratos e 1 bodegón da mostra que estará aberta ata o 25 de
febreiro de 2018. O retrato como un territorio do psicolóxico,
facianas e xestos que resumen diferentes personalidades que aquí
tenden a homoxeinización, unha fermosa democratización da imaxe que
non entende de xenios ou descoñecidos, de ricos ou persoas do común,
que aquí acadan a eternidade que só a arte é quen de conseguir.
Unha eternidade chea de frescura conseguida polo rápido traballo no
tempo, esas 72 horas nas que limitábase cada cadro, tamén polo
emprego do acrílico, moito máis manexábel que o óleo, facendo así
de cada un destes retratos auténticos anacos de vida. A captación
do xesto, a configuración dos rasgos físicos, a colocación de
brazos e pernas, son os que falan de como é cada un deles, ou polo
menos de como David Hockney ve e entende a todos estes 'modelos' que
volven a deixar claro a xenialidade dun dos máis fascinantes
pintores do mundo.
Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 19/11/2017.
Fotografía: Luis Tejedo (Efe)
Fotografía: Luis Tejedo (Efe)
Ningún comentario:
Publicar un comentario