xoves, 9 de novembro de 2017

Fernando Rey, cabaleiro do cine


Os materiais que se atopaban gardados nunha maleta propiedade de Fernando Casado Campolongo, o fillo do actor Fernando Rey e a actriz arxentina Mabel Karr, son os grandes protagonistas da exposición adicada ao protagonista de filmes míticos como 'Viridiana', 'Tristana' o 'The French Connection', e cuxa orixe é coruñesa. O espazo do Kiosco Alfonso amosa un apaixoante e revelador 'travelling' sobre toda unha carreira que o converteu no noso actor máis internacional e que, co gallo do centenario do seu nacemento, búscase dar a coñecer entre as novas xeracións.


ORSON WELLES dixo del que era o mellor actor de Europa. Baixo as ordes do director de 'Cidadán Kane' Fernando Rey traballou en 'Campanadas a medianoite' (1965), dentro dunha listaxe de traballos fascinantes, entre as arredor das 150 películas nas que participou, e que permiten sitúar a Fernando Rey (A Coruña, 1917-Madrid, 1994) nun contexto internacional de grandes interpretacións que deben servir para achegarse e contextualizar este actor hoxe, cando moitos descoñecen tanto o seu traballo como a súa orixe. Ao cumprirse o centenario do seu nacemento, a mostra instalada no Kiosco Alfonso da Coruña permite darlle corpo a esa traxectoria facéndoo dun xeito moi ameno e didáctico, abofé que o primeiro obxectivo dos seus comisarios, o xornalista Rubén Ventureira e José Luis Castro de Paz, catedrático de Comunicación Audiovisual e historiador do cine español, quen lle adicou ao propio Fernando Rey o libro 'O cine de Fernando Rey: entre o azar e a dor'.
Tanto ese libro como esta exposición plantéxanse como unha necesaria redescuberta, como a posibilidade de dar a coñecer un nome, lamentábelmente para a maioría da cidadanía —é que dicir da mocidade!—, descoñecido. Para iso nesta mostra pártese da súa infancia, do seu nacemento no número 1 da rúa Betanzos na Coruña. Alí pasou doce anos nos que estudou no colexio Eusebio da Guarda ao tempo que frecuentaba a praia de Riazor. Un berce ao que regresaría en varios veráns, xa nos últimos anos da súa vida, como vemos nunha fotografía da exposición fronte a esa vivenda na que chegou a este mundo. Esa presenza galega estivo pegada a el ao longo de toda a vida da que moito tempo despois aínda lembraba os xogos no Campo da Leña, as festas de María Pita —das que co tempo sería pregoeiro— os Xardíns de Méndez Núñez e ata o contemplar algún naufraxio dende a Torre de Hércules. Toda esa época asoma na exposición, reflectida no cambio físico cara á modernidade da cidade, así como dos espazos que tiveron que ver con quen chegaría á interpretación dun xeito inesperado, nun Madrid de posguerra gris e dorido, onde só a boa nova de que o propio xeneral Franco lle conmutara a pena de morte ao seu pai, xeneral e home de confianza de Manuel Azaña, puxo un pouco de esperanza. Tras ler un anuncio participa nun cásting e comeza a facer pequenas aparicións en filmes dos anos corenta. Outro anuncio lé- vao a traballar como actor de dobraxe, establecéndose así dous camiños xa esenciais na súa traxectoria. A interpretación a partir desa figura estilizada, de cabaleiro andante, e o traballo como narrador ou dobrador cunha voz que resoaría en moitos filmes e que podemos escoitar na exposición nun punto adicado a esa tarefa, na que podemos oír a súa voz en off en 'Bienvenido Mr. Marshall'(1953) e que se prolongaría en títulos como 'Marcelino pan y vino' (1955). Debutará como actor con diálogo en 1944 como Duque de Alba no filme 'Eugenia de Montijo' e en 1948 participará nun dos grandes éxitos do cine español, do periodo de Autarquía, 'Locura de amor' de Juan de Orduña, interpretando a Felipe El Hermoso.
Da man de Juan Antonio Bardem participa en dous títulos importantes,'Cómicos' e 'Sonatas', nos anos cincuenta, por aquel tempo recibe un consello de alguén que sabía ben o que era o cine internacional e a importancia de moverse no exterior e coñecer outras filmografías, o director Edgar Neville quen lle aconsella que aprenda inglés e saia ao estranxeiro. Fernando Rey optou por ese camiño afastándose así dos vieiros doutros actores españois que nunca se plantexaron esa opción. Títulos moi irregulares fóronse esvaecendo ese cami- ñar ata que se produce un deses encontros que fan cambiar unha vida. Fernando Rey atópase con Luis Buñuel e iso, con todo merecemento, ocupa un dos apartados senlleiros da mostra cos cartaces das películas e materiais xurdidos dese encontro.
Coñecer a Buñuel foi "renacer, comenzar a darle un sentido y un alcance distinto a todo lo que estaba haciendo", con estas palabras o propio actor recoñece a importancia dese encontro que chegou da man de 'Viridiana' (1961), a película coa que comezou unha colaboración de catro filmes fundamentais na carreira do director despois da súa andaina mexicana. Despois de 'Viridiana' chegarían 'Tristana' (1970), 'El discreto encanto de la burguesía' (1972) e 'Ese oscuro objeto del deseo' (1977). A importancia deste traballo común excedeu do propio oficio e desembocou nunha gran amizade que deixou anécdotas como a desvelada polo fillo do actor co gallo desta exposición arredor do soldo que Fernando Rey cobrou pola súa maxistral interpretación de Don Lope en Tristana, cando este coñeceu o soldo da protagonista Catherine Deneuve, que estaba moi enriba do que el mesmo cobrou e que fixo incluso que alguén como Luis Buñuel, que tiña fama de bastante agarrado cos cartos, non dubidase o día da estrea do filme en darlle cen mil pesetas ao actor. O certo é que 'Viridiana' servía para poñer a un Fernando Rey que dominaba o inglés no escaparate internacional, nunha película que recibiu a Palma de Oro en Cannes. Luis Buñuel atopa nese actor, polo que se decidira tras ver o ben que fixo de morto en 'Sonatas', unha contundente presenza física ligada a unha elegancia que se poñía no limiar do pecado ante as obsesións do director aragonés. Un director que no seu mítico libro 'Mi último suspiro' conta unha broma que lle gastou ao actor, que, como tantos, gustaba do feito da popularidade. Así, Luis Buñuel a través do seu director de produción pediulle que falara cos alumnos dun colexio cercano para que nun momento no que director e actor estivesen xuntos estes lle fosen pedir un autógrafo, pero só ao director. Ambos estaban tomando un café cando chegou o primeiro escolar, despois o segundo, que nin siquera dirixiron a súa mirada ao actor galego. Cando o terceiro fixo o mesmo Fernando Rey pronunciou unha sonora risada comprendendo a broma, ao tempo que lle dicía ao director que esa situación era "rigurosamente imposible", algo que incluso alguén que militara no surrealismo máis afouto foi quen de recoñecer. Cando 'El discreto encanto de la burguesía' acada o Oscar á mellor película estranxeira e o premio como mellor película da Asociación Nacional de Críticos Norteamericanos. Fernando Rey rende así a industria americana que lle concede a categoría que merece. A súa presenza en festivais e entregas de premios fai que se relacione coas grandes estrelas do cine mundial. Estes instantes ocupan un espazo estelar na exposición con moitas imaxes nas que o vemos co directores como Orson Welles ou John Ford, ou actores como James Stewart ou Sophia Loren. Ese cinema norteamericano chamou á súa porta para interpretar un dos seus papeis máis coñecidos, o do vilán de 'French Connection' (1971) baixo a dirección de William Friedkin. A película gañou cinco Oscars, entre eles, o de mellor película. Os anos setenta deixaron dous grandes premios polas súas interpretacións en 'La duda' (1972), no Festival de San Sebastián, e o mesmo premio no Festival de Cannes por 'Elisa, vida mía' (1977).
De novo no andar baixo do Kiosco Alfonso atopámonos coa parte final da súa traxectoria. O regreso a España, traballos como os de 'Diario de invierno' (1988), que lle valeu un Goya, ou a súa espectacular intervención na serie televisiva 'Don Quijote' (1991), cando xa contaba 73 anos, dirixida por Manuel Gutiérrez Aragón coa que viña a pechar, con esa imaxe mítica da figuración española, a traxectoria dun actor que tivo moito de Quixote, de cabaleiro andante, que loitou contra muíños de vento aos que en España ninguén osou enfrontarse, e dos que agora podemos dar fe a través dunha exposición que debería ser de visita obrigada para comprender un home e o seu tempo. Un desafío do que Fernando Rey, un coruñés que foi polo mundo, saiu sempre triunfante.




Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 5/11/2017


Ningún comentario:

Publicar un comentario