Rue Saint-Antoine nº 170
Escultura. Rosendo Cid afronta unha interesante proposta artística na
exposición que ata o 15 de decembro amósase na Fundación RAC de
Pontevedra. Unha reflexión dende o obxectual daqueles elementos que
froito de ser pezas fallidas no taller agora reclaman un espazo
propio así como un protagonismo para o que non foron chamados.
Rosendo Cid na Fundación RAC |
Conexións e
desconexións funcionan nesta exposición como nun itinerario do
fracaso. Un feito circunstancial que non adoita saír do estudo do
artista, da súa falla á hora de enfrontarse ao labor artístico.
Nesa fenda soe quedarse o fracaso, superado pola procura do éxito,
pola necesidade de que unha peza triunfe dentro do maxín do artista.
Rosendo Cid leva anos dende o seu traballo reparando en situacións
ou elementos lindeiros coa propia obra, aspectos nos que non se
adoita reflexionar nese pescudar da obra perfecta que protagonice
unha exposición. Aquí a exposición é froito do erro, desas pezas
que, frustradas na súa orixe, quedaron esquecidas no obradoiro,
desterradas dun protagonismo que agora buscan e acadan dende un
proceso conceptual ao que Rosendo Cid dá corpo.
Dende que Duchamp
puxera o mundo da arte patas arriba co obxecto como protagonista dun
proceso de identificación do artista coa súa obra, o papel dese
obxecto forneceu da man de diferentes artistas que tras esas pezas
achegaban un fondo proceso de análise e reflexión. Rosendo Cid
móvese nesa situación e dende diferentes formulacións creativas,
que van dende a propia escrita ata a escultura, hibrídase unha
conexión entre fondo e forma que acada unha sorte de mutación, e
aquilo para o que naceu desemboca noutra personalidade.
Aquí son moitas as
pezas que traballan dende a hibridación, dende esa construción
dende o erro e que desembocan nunha ampla mostra, moi meditada ao
longo do tempo dende que dende a Fundación RAC se lle plantexou ao
artista a posibilidade de traballar neste espazo. Ese tempo nótase
na intelixente disposición das pezas ao longo dos diferentes espazos
da Fundación ubicada na rúa Sarmiento.
Moitas desas pezas
xorden do azar, dunha casualidade adaptada e integrada na peza que
nace cunha nova identidade, unha reformulación inesperada pero dende
a que Rosendo Cid acada unha nova mirada a un obxecto con todas as
propiedades dunha peza escultórica. Pezas cheas de paradoxos, de
interrogantes, de desafíos fronte a un espectador que se ten que
abrir a participar dese diálogo formando parte tamén dese proceso
case exploratorio da man do artista.
Unha caixa chea de
frustracións, uns andeis con numerosas pezas froito do erro, partes
de algo que foi e que agora volve a ser. Así artéllase unha
exposición dende o que foi erro e agora é acerto. Dende aquela
parte desprezada e que agora defínese de seu como parte esencial do
propio proceso creativo do artista. Dende ese empirismo necesario
para acadar o resultado preciso é no que Rosendo Cid plantexa unha
mostra que nos conduce entre a sorpresa e a reflexión para seguir
entendendo as infindas posibilidades da arte como canle de expresión
e tamén de análise, neste caso da propia tarefa do artista que no
caso do noso protagonista vive un momento moi fecundo xa que a esta
mostra engádeselle outra na Zona C de Santiago de Compostela, xunto
á tamén artista Rosa Neutro, tras gañar un concurso de comisariado
baixo o título de ‘Un cuarto propio’, e o seu recente proxecto
editorial ‘5.000 veces pintura’.
Espazos, ámbitos,
territorios para a reflexión no artístico, parte esencial dun
traballo visíbel agora ante nós como obxecto resucitado despois do
erro e convertido xa en vizosa proposta.
Publicado no Diario de Pontevedra 6/11/2017
Fotografía: David Freire
Fotografía: David Freire
Ningún comentario:
Publicar un comentario