martes, 5 de decembro de 2017

O testemuño de Lita Cabellut

O Museo de Arte Contemporánea de A Coruña acolle unha espectacular exposición da creadora Lita Cabellut. Unha contundente proposta sobre a súa observación do mundo e como esa contorna convértese nun universo plástico abraiante arredor de nós mesmos e o debate sobre a existencia.


Proxectarse dende o individuo. Afundirse na tradición para achegarnos unha nova dimensión da pintura. Construir un relato dende o que enfrontarse a nosa propia existencia. Son tres dos vértices nos que se sustenta unha exposición desas que provoca o abraio no visitante, non só polo que se amosa, senón por cómo iso se presenta ante nós. A estudiada disposición da mostra no MACUF aumenta de xeito exponencial o discurso da artista e permite que o espectador entenda ou se aproxime moito mellor as súas intencións.
Esas intencións, as de Lita Cabellut, axudadas polo intelixente e lúcido traballo do comisario da exposición, Antón Castro, xeran un espazo cheo de singulariades e calidades, en definitiva, unha exposición imperdíbel para calquera amante do artístico e que sitúa a este proxecto a altura de calquera mostra a nivel mundial. Certo que partimos dun material dunha alta calidade, a pintura de Lita Cabellut, fronte á que un entende o éxito e o momento de pulo que está a experimentar o seu traballo reclamado dende diferentes xeografías. Así París ou Hong Kong compartirán tempo de exposición con A Coruña, pero permítanme que dubide de si nesas exposicións alcanzarase a fondura do que aquí se amosa sobre todo por ese cómo do que falaba antes. A disposición da obra da artista en diferentes espazos activando momentos moi concretos da súa relación co seu universo de personaxes, ese corazón central latexando na recreación do seu estudo xunto a unha biblioteca-vitrina ou un vídeo no que observamos o seu modo de traballo, pois todo iso resume esa multidisciplinaridade do seu quefacer, da súa conciencia artística que se eleva entre a escuridade dos espazos como unha lumieira a través da cal observar o mundo.
Ese aspecto de Lita Cabellut é o que máis me impresiona da súa obra, como a través dos ollos dos seus representados vemos os ollos da propia pintora mirando a cada un deses rexistros que este mundo noso tan diverso, como cada vez máis alleo para o propio ser humano, é quen de presentar. Eses ollos resúmense en diferentes itinerarios, estacións de paso para seguir observando, para tentar entender a nosa existencia: a soedade, a transitoriedade da vida, a tolerancia, o silencio, a rebeldía, o futuro, a esperanza... son algunhas da compoñentes que rexistran este relatorio de historias, porque tamén hai moito disto nesta exposición. Historias que se amorean entre si artellando un relato coral e humano.
Se entramos no twitter de Lita Cabellut recíbesenos cunha frase de benvida: «Son máis cunha pintora. Son unha contadora de historias». A partir desta declaración de intencións todo se vai clarexando. ‘A mudez da existencia’, ‘A verdade’, ‘Silencio branco’, ‘O grito animal’, ‘Os acróbatas da cidade’ ou ‘As estrelas espidas’ son os nomes desas realidades que a artista plantexa. Grupos de persoas que singularizados reflicten ese estado de soedade dentro da manda. A soedade como obriga ou como necesidade. O devir do tempo como motor da nosa existencia, o que define o que somos e aquilo no que nos convertiremos. E todo iso felizmente enguedellado coa tradición pictórica. Dende o retrato ata o xénero das vanitas, axitado coa singular maneira de pintar, que é a que lle dá a Lita Cabellut a súa condición de unicidade dentro da paisaxe artística. Unha fusión do pincel co spray, o rodillo, a espátula. A cor como berro, tamén como pozo no que afundirse e dese pozo ou dese berro xorde a xestualidade chea de materia enfrontada a todos eses rostros, a esas facinas nas que se percibe a súa relación co mundo a través dunha sociedade na que a pintura de Lita Cabellut emerxe cunha forza tan soprendente, nun principio, como necesaria tras o preciso proceso de reflexión.



Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 26/11/2017


Ningún comentario:

Publicar un comentario